Vigo, Galicia
General Política Vigo

Marta Fernández-Tapia: “Abel Caballero es quien miente, nunca quiso conciertos del Xacobeo y perjudica de nuevo a los vigueses”

A delegada territorial da Xunta en Vigo afirma que “xamais dimos un dato falso” e engade que “queda demostrado que tiñamos un gran concerto para a cidade”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, lamentou este venres que a cidade volva a perder unha iniciativa da Administración galega pola nova negativa do alcalde a colaborar na celebración do Xacobeo 21-22.

“O alcalde non quería ningún concerto do Xacobeo en Vigo e dalle igual que sexa unha das grandes actuacións musicais que se poden gozar hoxe en día en todo o mundo. Díxoo en reiteradas ocasións e rexeitou de forma sistemática todas as propostas da Xunta para celebrar o ano xacobeo. Non só concertos, tamén impide sinalizar a ruta aos peregrinos ou boicotea calquera acto no que o Xacobeo está presente, ten unha obsesión enfermiza”, apuntou a representante autonómica.

Fernández-Tapias engade que “ante os anuncios públicos de que estabamos a negociar un concerto “importante” para Vigo reaccionou en contra, negando unha e outra vez calquera opción en Balaídos ou Castrelos, e mesmo alardeando de que el anunciaría o concerto da Xunta. Ao final, cando viu o que se lle viña encima coa cancelación, deulle a volta a unha simple formalidade”.

Sinala tamén que “o peor é que, como xa ocorreu en innumerables ocasións, os vigueses son os que perden. E gustaríame aclarar que non somos todos iguais, nós tentamos propor, ofrecemos alternativas, realizamos investimentos… é Abel Caballero o que mente e provoca a confrontación”.

Respecto ás acusacións do alcalde, a delegada da Xunta foi rotunda ao sinalar que “eu non mentín nunca, xamais en este asunto dimos ningún dato falso. A Xunta xa demostrou con documentos que conta cun acordo coa promotora de Muse desde o 21 de marzo para que o grupo actúe con opción preferente en Vigo”.

Ademais, tamén acreditou a través da solicitude do Celta ao Concello de Vigo que existe unha petición para realizar grandes concertos no Estadio de Balaídos. Esta solicitude data do 4 de abril e a día de hoxe non ten resposta por parte do goberno local, tal e como comunicou o club publicamente este venres.

A solicitude do celta, cursada segundo fixo público o club ata en dúas ocasións, incluía calquera actividade cultural e concerto, como é o caso de Muse sobre o que a promotora manifestou o seu interese.

“A oposición sistemática do alcalde de Vigo a todo o que teña que ver coa Xunta complica calquera iniciativa da administración galega en Vigo. Sentimos que así sexa, pero véxome na obriga de transmitir de novo que non buscamos este conflito, queríamos ese gran concerto para Vigo e nunca, xamais, mentimos”, concluíu.

Deja una respuesta