Rubén Pérez: “Hai gran parte das partidas deste ano 2020 que aínda se poden executar a través de modificacións orzamentarias ante a situación que estamos vivindo, en concreto 10 millóns de euros que insistimos en que sexan executados de inmediato para a axuda ao comercio e hostalería da nosa cidade”
O Grupo municipal da Marea de Vigo siñala as liñas básicas nas que a Marea de Vigo se baseará para a elaboración das súas propostas en materia orzamentaria para o vindeiro exercicio. Do mesmo xeito, Perez fixo unha breve valoración do aprobado onte no Congreso dos Deputados con respecto ao teito de gasto. “A aprobación definitiva da modificación do teito de gasto permitirá ás administracións locais chegar a unha cifra histórica de gasto, quedando demostrado que é posible o acceso aos remanentes de tesourería, que no caso de Vigo están na contorna de 70 ou 80 millóns de euros, máis ala dos fondos que se están negociando para o apoio aos Concellos” apuntou.
Sobre a composición dos orzamentos para o 2021, Rubén Pérez incidiu en que “desde a Marea de Vigo seguimos demandando o que xa trasladamos en reiteradas ocasiòns nesta e na pasada lexislatura: Vigo debe estar no século XXI do municipalismo e contar xa con mecanismos para uns orzamentos participativos. Debe contar unha partida orzamentaria no capítulo de investimentos cuxo destino sexa decidido pola veciñanza dos diferentes distritos da cidade”.
“Superando os 300 millóns de euros de orzamento, é unha irresponsabilidade que o Concello non se poña xa a traballar de maneira efectiva para que ese orzamento sexa facilmente executable – explicou o voceiro -. Non podemos correr o risco de seguir coa dinámica destes últimos anos, e poñer 300 millóns de euros nun orzamento e non ser capaces de executar nin o 50% dese capítulo de investimentos”.
Alén dos investimentos, Rubén Pérez tamén falou do capítulo 1, que versa sobre os gastos de persoal. “De xeito inmediato, debe darse unha verdadeira negociación do capítulo 1 entre o Goberno local e os sindicatos. O ano pasado quedaron sen executar máis de 6 millóns de euros dese capítulo, que poderian ser perfectamente aplicados en seguir contratando persoal con bolsas de emprego (ao non poder xerar prazas), impedindo así privatizacións como a do servizo do IMD”.
Por outra banda, Rubén Pérez puxo o foco nunha distribución distrital dos orzamentos para o vindeiro exercicio. “As 18 parroquias do rural deben contar co orzamento adecuado tendo en conta ademais criterios como a idade da poboación, a mobilidade, o tráfico, etc. Un de cada 3 euros deste orzamento debe ir ás parroquias do rural”.
Igualmente, o voceiro insistiu no que se leva demandando desde a Marea de Vigo desde o inicio da pandemia en materia de axudas. “Hai gran parte das partidas deste ano 2020 que aínda se poden executar a través de modificacións orzamentarias ante a situación que estamos vivindo, en concreto 10 millóns de euros que insistimos en que sexan executados de inmediato para a axuda ao comercio e hostalería da nosa cidade”.
O Grupo municipal está elaborando un documento coas súas propostas para o vindeiro orzamento municipal que presentará ao final desta semana.