Vigo, Galicia
General Portada

MAREA DE VIGO PIDE SANCIÓNS Á EMPRESA VITRASA POLOS INCUMPRIMENTOS E INACCIÓN EN MATERIA DE MEDIDAS DE SEGURIDADE SANITARIA ANTE A CRISE DA COVID-19.

  • Rubén Pérez: “Imos pedir medidas e multas exemplares á empresa VITRASA por non actuar con responsabilidade. Tiña que ter feito a súa labor e ter cumprido o seu papel como empresa concesionaria dun servizo público, actuando de xeito coherente en canto aos aforos, as frecuencias e os horarios máis axeitados para a situación que estamos vivindo”


Toda vez que se coñece que a Xunta insta ao Concello de Vigo á realización dunha inspección para controlar os aforos do transporte público dos autobuses da empresa VITRASA, “comprobamos que este é un capítulo máis do esperpento que tanto a administración autonómica coma o Concello de Vigo están facendo para un control efectivo da seguridade e os aforos no transporte público urbano da cidade” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

“Independentemente de que poidamos entender que o Concello a través da policía local teña que facer esas inspeccións e ese control de aforo – explica o concelleiro – , a norma autonómica resulta absolutamente inxustificable na situación de crise sanitaria que estamos vivindo, xa que permite que se sigan usando o 100% das prazas sentadas nos buses, limitando o aforo únicamente ás persoas que van de pé”.

Marea de Vigo constata que “se están facendo inspeccións por parte da policía local”, e pide que “a norma autonómica limite tamén as prazas sentadas, cumprindo así a mesma norma en materia de distancia” engade Rubén Pérez.

Para o Grupo municipal, “VITRASA non quixo actuar de xeito responsable, permitindo un total descontrol en varias frecuencias e horarios” polo que “semella que a VITRASA impórtalle ben pouco a saúde e a seguridade da veciñanza viguesa” conclúe Rubén Pérez.

Deja una respuesta