Rubén Pérez: “Reducir o sistema ferroviario ao AVE por Cerdedo e saida sur sen defenir tipoloxia de transporte é limitar a mobilidade sostible do futuro na cidade”.
Onte, tras un encontro co sector empresarial da cidade, o alcalde de Vigo facía unha lectura “cando menos preocupante e sorprendente” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo. “Outra vez limitamos todas as infraestruturas ferroviarias á variante de Cerdedo coma se fóra a única que precisa a cidade, cando o rigorosamente certo é que estamos a piques de aprobar un Plan Xeral que non establece ningún criterio de mobilidade para a creación dunha rede de cercanías e que conta con inconcrecións sobre a saída sur”, que daría, segundo relata Pérez, “non só mellor conexión con Portugal senón que aportaría conectividade ao transporte de mercadorías ao Corredor Atlántico, deseño europeo trascendental para sectores productivos da nosa contorna”.
Marea de Vigo entedemos que a prioridade do Goberno local “non debería ser gañar quince ou vinte minutos nun traxecto a Madrid hipotecando outros vinte anos de investimento por enriba de dous mil millóns de euros” sinala Pérez. “Vigo non pode esperar para mellorar os tránsitos con Madrid mais o que falla no deseño do urbanismo na cidade e no futuro desenvolvemento dunha Área Metropolitana é a existencia dunha rede de cercanías na que a veciñanza de Vigo e dos municipios da propia Área se poidan conectar a futuro por unha rede de ferrocarril, como alternativa ao vehículo privado e ao autobus”.
Marea de Vigo seguirá esixindo que se prioricen as opcións de mobilidade ferroviaria dentro do espazo da Área Metropolitana “antes de formular ‘solucións’ de conectividade coa cidade de Madrid, feito que leva máis de vinte anos en solfa e ningunha das administracións que pasaron polo Goberno do estado, do PP e do PSOE, foron quen de mellorar” matiza o voceiro.
“Pulamos por unha mellora da conectividade con Madrid e coa saída sur por Portugal, recuperando a vía do Miño, mais tamén consideramos prioritario unha rede de cercanías para a cidade de Vigo, e por isto abriremos este debate novamente no Pleno” conclúe Rubén Pérez.