Debido á negativa da empresa de negociar un convenio caducado no ano 2020 vémonos na obriga de continuar reclamando unha actualización salarial, así como as melloras necesarias para desenvolver en condicións o noso labor diario (descanso na xornada, xornadas máis flexibles, melloras sociais, etc).
Debemos lembrar que Vitrasa leva 55 anos operando en Vigo, e unicamente nos tres últimos diminuíron os seus ingresos pola redución de viaxeiros/as provocada pola covid. Non obstante, o resto de anos a empresa acumulou cuantiosas ganancias (máis de 50 millóns de euros de patrimonio declarados nas súas contas no ano 2020), que en ningún caso beneficiaron ao seu persoal.
Aínda que é certo que nestes últimos dous anos e medio os seus ingresos se viron reducidos, a día de hoxe continúa tendo máis de 30 millóns de euros no seu haber. Ademais, hai que ter en conta a achega de 5.700.000 euros que recibiu entre os anos 2020/2021 pola pandemia e as dúas subidas históricas no prezo do billete, 14 céntimos entre 2022 e 2023.
A pesar de todas estas achegas a empresa segue negándose a sentar a negociar até obter unhas ganancias nas súas contas que virían dun reequilibrio que lle esixe ao Concello, solicitándolle, entre outros, un beneficio do 8% que non obtivo.
Por todo isto, o comité de empresa convoca novas mobilizacións:
–Martes 27 de xuño: paros parciais de 12:30 a 15:30 horas.
–Venres 30 de xuño: xornada de folga de 24 horas. Ás 8:00 horas realizaremos unha manifestación desde a praza de América, percorrendo Gran Vía, Praza dos Cabalos, Gran Vía e Venezuela; e remataremos cunha concentración na porta do Concello.
–Día 5 de xullo: xornada de folga de 24 horas. Ás 19:30 da tarde realizaremos unha manifestación dende Samil, percorrendo as avenidas de Europa e Castelao, rematando na rotonda do barco de Coia.
–Día 7 de xullo: paros parciais de 19:45 a 21:15 horas.
Dende o comité de empresa lamentamos a postura da empresa, que achegou unha oferta totalmente ridícula, polo que consideramos que non ten en absoluto intención de chegar a ningún tipo de acordo.
Da mesma maneira, lamentamos as molestias que as mobilizacións están a provocar na cidadanía, pero é a maneira de reivindicar algo que entendemos totalmente necesario.