― O Goberno galego asigna á atención sanitaria viguesa un 5% máis que o pasado ano
― O Capítulo I lévase a maior parte do orzamento vigués, un 40,4% do total, 381 M€ destinados ao pagamento das nóminas do persoal
― Vaise realizar un investimento de 19 M€ en infraestrutura e tecnoloxía sanitaria, tanto nos hospitais como nos centros de saúde de Atención Primaria
― Entre as partidas máis importantes cabe subliñar os 7,4 M€ para continuar o CIS Olimpia Valencia; 3,8 millóns para a obra xa iniciada do novo centro de saúde de Moaña; e 2 millóns para as novas Unidades do Álvaro Cunqueiro
A Área Sanitaria de Vigo disporá o próximo ano 2024 do orzamento máis alto da súa historia, acadando a cifra récord de 944.775.705 millóns de euros. Así, tal e como se recolle no proxecto de orzamentos, a Xunta de Galicia destinará un 5% máis que o pasado ano á atención sanitaria de Vigo e comarca, o que supón 44 millóns de euros máis.
Entre outros capítulos, cabe subliñar o Capítulo I, que se leva a maior parte do orzamento vigués, un 40,42€ do total; isto é, 381,8 millóns de euros destinados ao pagamento das nóminas do persoal, máis de 6.700 traballadores da área, tanto dos centros de sáude como dos hospitais.
Ao Capitulo II, bens e servizos, dedícanse 352 millóns de euros, un 37% do total. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes, laboratorios ou concertos con outros centros.
19 millóns de investimentos para Primaria e hospitais
Ademais, a Xunta de Galicia prevé realizar uns investimentos de 19 M€ na sanidade pública viguesa. Destes, 17 millóns irán dirixidos á Atención Primaria e 2 millóns para o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
O Hospital Álvaro Cunqueiro recibirá 2 M€ para executar as obras de reforma das diversas Unidades: as novas Áreas de Rehabilitación Cardíaca, Hospitalización a Domicilio e Hospital de Día. Hai que recordar que este ano remataron as novas Unidades de Enfermidades Raras e a de Necropsias, así como a da Hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil (que iniciará o seu funcionamento antes de finalizar o ano).
17 M€ para centros de saúde
No referido á Atención Primaria, dos 16,9 M€ que se investirán nas obras de novos centros de saúde vigueses, a partida máis destacable son os 7,4 millóns de euros para continuar co desenvolvemento do novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, obra xa iniciada.
Ademais, dentro da partida do Plan de Atención Primaria FEDER 21-27 están reservados 3,8 M€ para a obra do novo centro de saúde de Moaña, xa iniciada. Cabe subliñar tamén os 2 millóns destinados a rematar a obra de ampliación do centro de saúde de Porriño; 300.000€ para o proxecto do novo centro de saúde de Mos, que será emprazado dentro do Rebullón; e 100.000€ para a reforma do centro de saúde de Crecente, que hoxe mesmo volveu a licitarse tras quedar deserta a adxudicación efectuada este ano.
Asemade, os Orzamentos tamén recollen unha partida de 200.000 € para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando os Concellos correspondentes acheguen ao Sergas unha parcela axeitada, como poderían ser os centros de Cangas de Morrazo ou o de A Garda.
No referido á partida do Plan de Atención Primaria para reformas, están reservados 119.000€ para a obra de reforma estrutural do centro de saúde de Domaio (Moaña) dentro do convenio vixente co Concello.
Novo equipamento para os centros de saúde
No referido á partida para equipamentos de Atención Primaria, figuran 2,9 millóns para adquirir novo equipamento electromédico e mobiliario clínico para os centros de saúde da area viguesa, co obxecto de seguir potenciando a capacidade diagnóstica deste nivel asistencial.
En total son 25 retinógrafos, 40 ecógrafos portátiles con intelixencia artificial integrada, 100 sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial, 60 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais, 23 desfibriladores, 11 bisturís eléctricos e 56 analizadores sanguíneos portátiles. Tamén inclúe mobiliario clínico consistente en máis de 373 padiolas de exploración e transporte.
2,3 millóns para Convenios con entidades locais
No proxecto de Orzamentos para 2024 tamén se reserva máis de 2,3 millóns de euros para transferencias a entidades da atención sociosanitaria, a saúde mental e de atención ás adiccións da Área sanitaria de Vigo. Neste senso, hai consignadas partidas específicas para convenios nominativos coa Asociación da Loita contra a Droga Alborada; Asvidal; Asociación de Axuda ao Toxicómano Érguete e a Fundación Érguete.
Segundo asegura o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente “estos orzamentos supoñen unha cifra récord, xa que por primeira vez superan os 900 millóns de euros de gasto sanitario anual. Cabe subliñar a suba centrada na mellora das condicións do persoal sanitario, cun incremento no Capítulo I dun 8% con respecto ao ano anterior, destinada a incorporar todas as melloras salariais acordadas coas organizacións sindicais neste ano. Tamén hai que destacar o nivel de investimentos previstos, sobre todo para a Atención Primaria, feito que nos permitirá seguir mellorando a calidade asistencial da nosa poboación”.