ras o anuncio en outubro do ano 2020 por parte do Alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, do inicio das obras da biblioteca de Teis e a súa finalización no ano 2022, os colectivos do barrio de Teis abaixo asinantes queren manifestar:
Dende xa fai anos os colectivos de Teis uníronse para esixir unha biblioteca no noso barrio. Foron moitas as solicitudes de reunións e as propostas de colaboración remitidas ao concello de Vigo, así como as reunións cos titulares do Estado coma propietarios do antigo ambulatorio, onde sempre demandamos que se situase a biblioteca.
No 2018 fixemos entrega no concello de máis de 3500 sinaturas con esta demanda. En anos anteriores xa tivemos o apoio de diversos membros da cultura; como o exdirector de Xerais, Manuel Bragado, no artigo que publicou no 2017. Anos antes o propio alcalde na clausura dunha das edicións das Olimpíadas de Teis (organizadas polas ANPAS do barrio) prometeu a inauguración desta instalación nos seguintes anos.
En varias das reunións mantidas expuxemos a biblioteca que o barrio precisa, non unha sala de lectura como coa que finalmente se dotou a Navia, senón unha biblioteca con toda a extensión do significado desta: moderna en instalacións e tamén en filosofía, que inclúa fondo de libros, préstamos, formatos dixitais, apoio as inquietudes culturais do barrio, unha ludoteca que dea alternativas ao ocio das máis cativas. … Sempre estivemos dispostos á colaboración co Concello neste senso, e os responsables municipais na última das reunións mantidas comprometéronse a facernos participes deste proxecto, a manternos informados.
No 2020 fixemos a última solicitude de reunión cos responsables municipais, a data de hoxe non temos reposta.
A noticia publicada nos medios sobre o inmediato comezo das obras semella unha moi boa nova, pero a día de hoxe o barrio segue sen ter información sobre que é o que se vai facer nas instalacións do antigo ambulatorio de Teis.
Por todo isto, os colectivos de Teis abaixo asinantes, vémonos obrigados a acudir ao medios de comunicación para que atenda a nosa solicitude de información pola urxente necesidade de coñecer de primeira man o plan operativo do Concello, xa sexa visitando o noso barrio ou convidándonos el mesmo a unha xuntanza.