Vigo, Galicia
Galicia

La Xunta urge al ministerio de Sanidad a acelerar las reformas precisas para abordar el déficit de médicos de familia que sufre España.

O conselleiro de Sanidade en funcións insta ao Ministerio a “non perder un minuto máis” despois de que o Congreso dos Deputados aprobase solicitar ao Goberno as mesmas medidas que foron demandadas xa por 14 gobernos autonómicos

— Lembra que a formación sanitaria especializada é unha competencia estatal, e que é o Goberno de España quen debe reformar o sistema MIR para que permita formar máis especialistas, co obxecto de que poidan ser contratados na atención primaria

— Comesaña lamenta que “os únicos partidos que negan a urxencia destas medidas” sexan precisamente os que ocupan hoxe o Goberno de España

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, urxiu hoxe de novo ao Goberno de España a “non perder un minuto máis e acelerar dunha vez as reformas precisas dentro das súas competencias” para abordar o problema de déficit de especialistas en medicina de familia que está a sufrir o Sistema Nacional de Saúde.

Comesaña referiuse á aprobación onte mesmo, na Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados, dunha iniciativa que reproducía de xeito literal os puntos do “Manifesto de conselleiros de Sanidade para a toma de medidas estatais urxentes en materia de atención primaria” que fora promovido en 2022 polos gobernos galego e vasco, e ao que se foron adherindo progresivamente outros gobernos autonómicos de distinto signo político ata chegar a obter o apoio de 14 dos 17.

“O Congreso dos Deputados deu onte un mandato claro ao Goberno de España, que é o mesmo que lle demos os gobernos autonómicos no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde: que esas reformas non poden agardar máis”, -aseverou o conselleiro-, que lembrou que a meirande parte destas demandas están pendentes desde abril do ano 2018, cando foran acordadas de xeito unánime no Consello Interterritorial por Ministerio e gobernos autonómicos.

O responsable do departamento sanitario da Xunta salientou que os únicos votos contrarios aos puntos onte aprobados foran dos grupos parlamentarios de PSOE e Sumar: “é lamentable que os únicos partidos que negan a urxencia destas medidas sexan precisamente os que teñen na súa man executalas desde o Goberno de España, mentres que os que temos responsabilidades de xestión sanitaria nas comunidades autónomas, sexamos do partido que sexamos, clamamos por que se nos permita formar a máis especialistas para poder contratalos nos nosos centros de atención primaria”.

O conselleiro remarcou as dificultades que están a ter o conxunto de comunidades autónomas para cubrir as baixas e as ausencias dos profesionais na atención primaria, ao estar baleiras as listas de contratación.

Nomeadamente, a iniciativa aprobada onte, ao igual que o manifesto promovido por Galicia, fai fincapé en que é preciso realizar un incremento extraordinario de 1.000 prazas anuais na oferta formativa da especialidade de medicina familiar e comunitaria, ademais de modificar o sistema de elección de prazas MIR, de xeito que non queden prazas sen cubrir.

Para facelo, proponse unha flexibilización dos criterios fixados para a acreditación das unidades formativas. A rixidez dos requisitos actuais provoca que dos máis de 460 centros de saúde cos que conta Galicia, soamente 100 teñan a posibilidade de formar novos especialistas.

Entre o conxunto de solicitudes da Xunta de Galicia ao Goberno central agora respaldadas polo Congreso, tamén se atopa a de acelerar os prazos para a entrada en vigor da nova especialidade de Urxencias e Emerxencias, que evitaría que entre o 25 e o 30% dos facultativos que ocupan prazas formativas de Medicina Familiar e Comunitaria rematen traballando en urxencias, posto que non teñen opción de formación propia.

Deja una respuesta