Delas, 60 asígnanse ao Álvaro Cunqueiro e 28, ao Meixoeiro; cun investimento que se inclúe nun presuposto global de máis de 4,5 millóns de euros
A renovación optimizará o acceso á imaxe dixital médica dentro dos quirófanos, o acceso á historia clínica dos pacientes, e o rexistro das diferentes variables dos procesos cirúrxicos
A área sanitaria de Vigo renovou nesta lexislatura os seus bloques cirúrxicos coa incorporación dun equipo de cirurxía robotizada e a renovación de 2 equipos radiocirúrxicos, 12 mesas de quirófano, 15 lámpadas cirúrxicas e 7 sistemas de anestesia
A Xunta de Galicia vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación dun contrato de máis de 4,5 millóns de euros para a renovación dun total de 443 estacións de quirófanos, para continuar coa actualización dos bloques cirúrxicos do Sergas. En particular, na área sanitaria de Vigo renovará 88 estacións: 60 para o Álvaro Cunqueiro e 28 para o Meixoeiro. O seu valor conxunto ascende a 899.756 euros.
A Xunta avanza deste xeito na actualización dos bloques cirúrxicos do Servizo Galego de Saúde. Estes dispositivos instalaranse na totalidade dos centros hospitalarios públicos da comunidade galega, incluídos os de ámbito comarcal. O obxecto é que o persoal de cirurxía de todos os hospitais dispoña dunha estación de alta resolución no interior do quirófano, posibilitando a visualización das imaxes médicas de alta resolución, e tamén, o acceso á historia clínica dixital do paciente.
Nas intervencións cirúrxicas, tanto o persoal médico como o de enfermería, precisan dispor de estacións nos quirófanos para realizar a súa actividade. Porén, dentro do programa de actualización de equipamento da Xunta, o Executivo galego acordou a substitución do equipamento actual por unha nova infraestrutura que facultará a axilización e optimización das diferentes accións que se levan a cabo durante os procesos cirúrxicos.
En concreto, os novos bloques cirúrxicos permitirán: consultar a historia clínica do paciente durante as intervencións (alertas, resultados de probas, etc); axilizar o acceso á imaxe médica dixital necesaria no proceso cirúrxico; o rexistro do checklist cirúrxico (serie de normas para a seguridade das prácticas cirúrxicas que se comproban mediante unha lista de verificación); o rexistro na historia clínica dixital do paciente de todos os datos relacionados coa intervención (anestesia, procedementos, monitorización, transfusión, implantes…); ou o rexistro de todas as accións relacionadas coa intervención (identificación de mostras, seguimento do material cirúrxico utilizado, etc.).
Completada a renovación, as actuacións de investimento da Xunta nos bloques cirúrxicos dos hospitais do Sergas superarán os 36 millóns de euros, achegando deste xeito aos profesionais sanitarios e a poboación galega o mellor equipamento dispoñible.
Programa integral de actualización dos bloques cirúrxicos
Coa luz verde deste expediente, a Xunta continúa a avanzar co programa integral de actualización do equipamento dos bloques cirúrxicos de toda a planta hospitalaria do Servizo Galego de Saúde.
Así, ata o de agora xa adquiriu 7 novos sistemas cirúrxicos robotizados da Vinci (por un valor de 11,6 millóns de euros); 37 equipos radiocirúrxicos, (por un importe de 3,8 millóns euros); 97 lámpadas cirúrxicas e 57 mesas cirúrxicas (cuxo importe conxunto supera os 4,1 millóns de euros) ou a actualización dos sistemas de anestesia do conxunto de hospitais públicos galegos (por un importe de 4,9 millóns de euros); entre outras actuacións.
Así, ata o de agora a Xunta investiu máis de 29,5 millóns de euros en actuacións destinadas aos bloques cirúrxicos dos hospitais do Sergas, das que os hospitais da área sanitaria de Vigo beneficiáronse coa incorporación dun equipo de cirurxía robotizada, 2 equipos radiocirúrxicos, 12 mesas de quirófano, 15 lámpadas cirúrxicas e 7 sistemas de anestesia.
Estas actuacións son susceptibles de financiamento ao 100 % pola Unión Europea no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de COVID-19.
