― Os técnicos do Programa de Control de Vertidos de Augas de Galicia localizaron o foco no marco das inspeccións de rastrexo de puntos de vertido inventariados no municipio, dando seguimento á denuncia notificada desde o servizo de Emerxencias do 112
― Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do punto de vertido nun colector da rede municipal de saneamento, no lugar da Salgueira
― Augas de Galicia comunicoulle aos técnicos municipais e á empresa concesionaria dos servizos de saneamento esta situación, solicitándolle a adopción de medidas para emendar a achega contaminante
― Os técnicos da Xunta constataron recentemente, mediante a revisión da rede municipal con trazador fluorescente, que as actuacións realizadas permitiron a emenda do vertido
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais urbanas sen depurar cara ao río Lagares na parroquia de Sárdoma, no concello de Vigo.
Este foco foi identificado no marco das inspeccións de rastrexo de puntos de vertido levados a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, dando seguimento á denuncia notificada ao servizo de Emerxencias do 112.
Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do punto de vertido nun colector da rede municipal de saneamento, no lugar da Salgueira.
Ante a deficiencia observada, os técnicos de Augas de Galicia comunicaron aos técnicos municipais e á empresa concesionaria dos servizos de saneamento do Concelo de Vigo, a necesidade de adoptar as actuacións oportunas para emendar a achega contaminante ao dominio público hidráulico.
Nunha recente inspección á zona, os técnicos de Augas de Galicia confirmaron, mediante a revisión da rede de saneamento con trazador fluorescente, que as actuacións realizadas no colector de saneamento municipal permitiron a emenda do foco.
