— O director territorial de Educación en Pontevedra reúnese co novo director do centro para trasladarlle que contarán cun segundo orientador e un especialista en Pedagoxía Terapéutica a maiores do que lle corresponde polo número de alumnos
— César Pérez cualificou de “moi frutífero” o encontro, no que se comprometeu a avaliar outras demandas como a mellora das instalacións para o Bacharelato de Artes
O director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP na provincial de Pontevedra, César Pérez, mantivo unha xuntanza de traballo esta mañá co novo director do Instituto de Valadares (Vigo) para confirmarlle o reforzo docente que terán para o vindeiro curso 2025-26.
O representante da Consellería de Educación trasladoulle ao novo responsable (ata o de agora exercía de xefe de Estudos), que asume o cargo logo da dimisión da anterior directora, que a partir de setembro incorporarase ás aulas un orientador a maiores do que xa tiña o centro e un especialista en Pedagoxía Terapéutica, tamén a máis do plantel de profesorado que lle corresponde por catálogo segundo o número de alumnos. Así mesmo, sinalou que o seu departamento avaliará a posibilidade de ampliar a xornada completa a dedicación do docente de reforzo do Programa PROA.
César Pérez cualificou de “moi frutífero” o encontro, onde subliñou o compromiso da Xunta de Galicia con este centro que é “un referente de inclusión” en Vigo, e agradeceu o labor desenvolvido neste eido polo anterior equipo directivo. Non en balde, lembrou que xa no seu momento se reforzou coa incorporación das ensinanzas de Bacharelato, e mesmo do Bacharelato de Artes. A este respecto, o director territorial comprometeuse tamén a avaliar de cara ao futuro a demanda do centro de mellorar as instalacións do taller de arte.
Deste xeito, o Goberno galego cumpre así co seu compromiso de dotar aos centros de todos os medios necesarios para garantir a máxima atención ao alumnado e a calidade da educación. Con este obxectivo, nestes momentos a Consellería está analizando todas as matrículas e o reparto de grupos de clase para que, tanto neste instituto coma no resto dos centros educativos de Galicia, conten con co plantel de profesorado que lle corresponde en función do número de alumnos e das súas especificidades.
