- As obras que se están a levar a cabo para a ampliación da instalación solar fotovoltaica do hospital de Vigo empezan xa a ser visibles
- Neste mes comezaron os traballos nas distintas cubertas
- A instalación vaise poñer en funcionamento por fases e xa a finais deste ano se comezará a utilizar unha parte da electricidade total que autoproducirá o hospital
- Agárdase que os traballos estean totalmente finalizados e a nova planta fotovoltaica funcionando a pleno rendemento durante a primavera de 2025
- O obxectivo é xerar ata o 20% da enerxía das instalacións hospitalarias a través de paneis solares e que en determinados horarios ata o 100% da enerxía eléctrica consumida no hospital proveña de fontes renovables e da autoprodución
A Xunta avanza na ampliación da autonomía enerxética do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo coa instalación de 5.400 placas solares.
Neste mes comezaron as obras nas distintas cubertas e os traballos empezan xa a ser visibles.
En concreto, están a instalarse as liñas de vida e seguridade na cuberta do aparcadoiro de urxencias, necesarias para a posterior montaxe das placas solares, e comezouse a instalar a estrutura onde se ancorarán os paneis nas cubertas do bloque técnico. Doutra banda, os traballos interiores de canalización e cableado avanzaron a bo ritmo durante o verán.
Nas próximas semanas, unha vez concluído o período estival, a actividade intensificarase e xa se poderán empezar a ver os primeiros paneis en cuberta.
A duración total das obras é inferior a un ano, polo que se agarda que os traballos estean totalmente finalizados e a nova planta fotovoltaica funcionando a pleno rendemento durante a primavera de 2025.
Con todo, o Hospital Álvaro Cunqueiro non terá que esperar tanto para poder comezar a beneficiarse da electricidade producida. A instalación vaise poñer en funcionamento por fases, de maneira que xa a finais deste ano se poderá utilizar unha parte da electricidade total que autoproducirá o hospital.
Enerxía solar autoxerada
O Hospital Álvaro Cunqueiro dispón na actualidade de 749 paneis que xeran uns 250.000 kWh/ano, un 1,5% da demanda enerxética total do edificio. Tras a modernización e ampliación desta instalación solar, o obxectivo é xerar nun futuro inmediato ata o 20% da enerxía das instalacións hospitalarias a través de paneis solares.
Con iso, ademais, minimízase a pegada de carbono, reducindo ata quince veces as emisións de CO2 á atmosfera. O proxecto prevé a ampliación da instalación solar fotovoltaica ata alcanzar o 3.578 kw de potencia pico mediante a colocación de 5.422 placas solares, o que permitirá evitar a emisión de 1.500 toneladas de CO2 ao ano á atmosfera, ata 37.000 toneladas de CO2 en 25 anos, é dicir o mesmo que mitigan 612.000 árbores en dez anos, ou o que contaminan 8.000 coches nun ano.
Cun investimento próximo aos 3,4 millóns de euros, ademais dos beneficios ambientais e en materia de eficiencia enerxética, a modernización e ampliación da instalación solar fotovoltaica do Hospital Álvaro Cunqueiro permitirá aforrar máis de 100 millóns de kWh ata o ano 2048, e asegurará que en determinados horarios ata o 100% da enerxía eléctrica consumida no hospital proveña de fontes renovables e da autoprodución.
Aposta ou pola sustentabilidade e o medioambiente
A Xunta ten entre un dos seus obxectivos a mellora continua e consciente da contorna deste hospital da rede sanitaria pública galega. Así, un dos seus principios é a mellora desde un punto de vista ambiental de todas as súas accións.
O proxecto que se está a desenvolver permitirá ampliar a autonomía enerxética, sendo un paso máis na aposta clara e decidida pola sustentabilidade e eficiencia do Hospital Álvaro Cunqueiro co medioambiente e coa sociedade na que se integra. Con iso, achégase ás obrigas dispostas na Lei do Clima de Galicia, para lograr a redución nun 57% das emisións en 2030 e acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible para as emisións neutras en 2050.
O Hospital Álvaro Cunqueiro xa conta con dúas caldeiras de biomasa de 1 Mw cada unha, que producen ata 3.945.000 kWh de enerxía térmica. Isto significa que ata un terzo de toda a enerxía térmica necesaria no funcionamento do hospital é de orixe verde.
A biomasa utilizada prímase aquela con orixe galega sempre que se alcancen os graos de humidade óptimos para achegar a potencia calorífica necesaria, evitando o uso de ningún tipo de enerxía con orixe fósil para o seu secado. Estas cifras sitúan esta instalación sanitaria entre as primeiras de España no seu sector.