― Estes equipos van destinados á creación da nova Unidade de Intervencionismo e Endoscopia Avanzada do servizo do Aparello Dixestivo
― A nova sala disporá da tecnoloxía máis avanzada para integrar toda a actividade da Unidade de endoscopias
― Con esta contratación adquiríronse 2 torres de Endoscopias, 4 tubos de Ecoendoscopios, 2 Colonnoscopios, 2 Gastroscopios e 2 Ecógrafos de altas prestacións
― Será unha Unidade do máximo nivel, tanto estrutural como tecnolóxico, que se converterá nun referente nacional nas técnicas endoscópicas
A Xunta de Galicia ven de adxudicar, por un importe de 920.000 euros, o equipamento electromédico e mobiliario clínico para a creación da nova Unidade de Intervencionismo e Endoscopia Avanzada do hospital Álvaro Cunqueiro.
A nova Sala con que contará o servizo do Aparello Dixestivo ten por obxectivo integrar a totalidade da actividade da Unidade de Endoscopias nun único dispositivo asistencial. Trátase de centralizar nunha única estrutura todos os procedementos endoscópicos, xa que ata agora, algúns dos que presentan maior complexidade ou que precisan de apoio de anestesia teñen que ser realizados en quirófano ou na mesma área de radioloxía. A nova estrutura e os novos equipos tecnolóxicos permitirán realizar todos eses procedementos avanzados e complexos na mesma Unidade .
A Unidade emprazarase na área actual dos gabinetes de Dixestivo, na planta -1 do hospital. Para isto vaise realizar unha obra de adaptación funcional nunha das salas actuais, de xeito que o novo recurso sanitario estará plenamente operativo ao longo do vindeiro ano.
En canto ao equipamento, neste primeira contratación a Xunta de Galicia adquiriu 2 torres de Endoscopia e 4 tubos de Ecoendoscopios; 2 Colonnoscopios; 2 Gastroscopios e 2 Ecógrafos de altas prestacións, ademais doutro material complementario.
Unidade do máximo nivel
Hoxe en día, a vertente terapéutica da endoscopia ten acadado un elevado desenvolvemento, realizando intervencións minimamente invasivas que ata hai pouco requirían cirurxía. A realización destas técnicas endoscópicas complexas substitúen ás cirurxías máis invasivas, presentando múltiples vantaxes para os pacientes xa que diminúe os riscos e as estancias hospitalarias.
Neste senso, a nova sala estará especialmente dedicada aos procedementos que precisen apoio radiolóxico (endoscopia biliar, próteses, dilatacións…); apoio de anestesia (endoscopia biliar; e aqueles de endoscopia avanzada terapéutica, como extraccións de tumores ou de pólipos complexos que ata hai pouco tempo precisaban tratamento cirúrxico.
Precisamente a endoscopia biliar -técnica mixta que pola súa complexidade precisa de endoscopia, radioloxía e anestesia- será un dos tratamentos que maiores cotas de calidade e eficiencia acadará cando sexa realizada na nova Unidade.
En definitiva, e segundo asegura o xefe do servizo, Ignacio Rodriguez Prada “no novo dispositivo sanitario poderemos realizar calquera procedemento endoscópico avanzado, diagnóstico e terapéutico, xa que disporemos dos medios técnicos e recursos humanos necesarios. Sen dúbida, tratase dunha sala do máximo nivel, tanto estrutural como tecnolóxico, que será un referente nacional a nivel asistencial”.
5,7 millóns para melloras nos hospitais públicos de Vigo
Este contrato forma parte dos 5,7 millóns de euros de investimento en melloras nos hospitais públicos de Vigo que foron comprometidos pola Xunta de Galicia na reunión do Consello celebrada nesta cidade en abril de 2022.
O investimento inclúe seis obras de reforma no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, tres delas xa executadas por importe de preto de 2 millóns de euros (o novo hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil, a nova unidade de enfermidades raras e a renovada área de necropsias de anatomía patolóxica); así como outras tres cuxa se obra vaise licitar proximamente (o novo espazo da unidade de Hospitalización a Domicilio, a nova área de rehabilitación cardíaca e o hospital de día de procesos médicos).
Este contrato iniciou a segunda parte do investimento, destinada a equipamentos, que se completou coa licitación no pasado xullo dos equipos necesarios para o novo Servizo de Cirurxía Maxilofacial que se instalará no Meixoeiro e aparataxe para outros servizos como unha torre de laparoscopia para o de Cirurxía Torácica ou un equipo de urodinamia para o Servizo de Uroloxía.