Vigo, Galicia
Vigo

La Xunta adjudica las obras de la nueva unidad de hospitalización a domicilio del Hospital Álvaro Cunqueiro por 581. 485 euros.

hospital

O contrato forma parte dos 5,7 millóns de euros comprometidos polo Executivo galego para levar a cabo reformas e melloras nos hospitais públicos de Vigo

A nova Unidade HADO do centro hospitalario vigués tamén verá ampliado o seu equipo de profesionais

A Xunta de Galicia vén de publicar no Perfil do Contratante a adxudicación das obras da nova Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, por un importe de 581.485 euros.

A pandemia obrigou a diferenciar os circuítos Covid-19 e Non-covid, e moi especialmente nos servizos de urxencias. Así, foi necesario expandir o servizo de urxencias, ocupando espazos contiguos asignados a unidade HADO do hospital. En consecuencia, e de xeito provisional, esta área tivo que ser resituada na zona de Docencia.

Con estas obras, a Unidade de Hospitalización a Domicilio do Hospital Álvaro Cunqueiro disporá dun espazo definitivo e ben dimensionado, deseñado para asumir o crecemento de persoal previsto no Plan Autonómico de HADO, ademais de estar previsto dotalo cun equipo de profesionais máis, integrado por un facultativo e persoal de enfermaría.

Na actualidade, o servizo conta con 15 efectivos –6 médicos/as e 8 enfermeiras/os e 1 administrativo- que dan cobertura domiciliaria a poboación de todos os concellos da Área Sanitaria de Vigo.

HADO presta asistencia a pacientes que, polas súas doenzas ou características, necesitarían ingreso hospitalario pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais sanitarios subministran os mesmos coidados e atencións que nun ingreso hospitalario convencional. Deste xeito, asiste a pacientes con diversas patoloxías, non só oncolóxicas, incluídos enfermos con necesidades paliativas. Así, o pasado ano, os profesionais de HADO da área de Vigo atenderon a 866 pacientes nas súas casas.

5´7 millóns de euros para os hospitais vigueses

Este contrato forma parte dos 5,7 millóns de euros de investimento en melloras nos hospitais públicos de Vigo que foron comprometidos pola Xunta de Galicia na reunión do Consello celebrada nesta cidade en abril de 2022.

O investimento inclúe seis obras de reforma no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, tres delas xa executadas por importe de preto de 2 millóns de euros (o novo hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil, a nova unidade de enfermidades raras e a renovada área de necropsias de anatomía patolóxica); esta da unidade de Hospitalización a Domicilio xa adxudicada, así como outras dúas cuxa obra vaise licitar proximamente (a nova área de rehabilitación cardíaca e o hospital de día de procesos médicos).

Por outra banda, a segunda parte do investimento, destinada a equipamentos, completouse coa adxudicación o pasado ano por preto de 2 millóns de euros de dous contratos: o de equipamento electromédico e mobiliario clínico para a creación da nova Unidade de Intervencionismo e Endoscopia Avanzada do hospital Álvaro Cunqueiro e mais o dos equipos necesarios para o novo Servizo de Cirurxía Maxilofacial que se instalará no Meixoeiro e aparataxe para outros servizos como unha torre de laparoscopia para o de Cirurxía Torácica ou un equipo de urodinamia para o Servizo de Uroloxía.

Deja una respuesta