― Desta cifra, 1800 son pacientes con VIH positivo mentres que 420 son usuarios da consulta preventiva de Enfermaría que achéganse para recibir un tratamento preventivo
― Acadouse o control practicamente total da hepatite C nestes pacientes, e nestes momentos estase a piques de erradicar esa enfermidade na comunidade galega.
― Nos últimos 28 anos ningún bebé naceu coa infección na Área de Vigo, grazas ao control realizado as xestantes portadoras de VIH
― O servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro está desenvolvendo unha campaña específica para aumentar o diagnóstico dos pacientes con VIH; e desde a súa posta en marcha xa levan diagnosticados 14 novos pacientes positivos
A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) instalou unha mesa informativa no hospital Álvaro Cunqueiro para conmemorar o Día Mundial do SIDA. A esta conmemoración sumouse a Unidade de VIH da Área Sanitaria de Vigo, que ofreceu algúns datos da súa actividade. Así, confirmaron que a día de hoxe o seu equipo sanitario – profesionais médicos e de enfermaría- controla a máis de 2000 usuarios; destes, 1800 son pacientes con VIH positivo e 420 son usuarios da “Consulta Pre”. Trátase dunha consulta preventiva de enfermaría para aquelas persoas con factores de risco de infección do VIH, aos que se lles administra un tratamento profiláctico.
No pasado ano a Unidade rexistrou 78 novos casos, dos que 43 foron diagnosticados no hospital Álvaro Cunqueiro, e o resto xa ingresaron nesta Unidade cun diagnóstico previo. O perfil do paciente é o dun home cunha media de idade de 50 anos, con estudos medios e universitarios e que practica sexo con outros homes.
Segundo afirma o especialista da Consulta de VIH, o doutor Antonio Ocampo “nos últimos tempos temos acadado un gran control sobre o VIH, e grazas a un traballo multidisciplinar co resto de especialidades e servizos asistenciais prestamos unha atención integral e eficiente, atendendo non solo á carga viral do paciente senón tamén valorando a súa historia vital e emocional, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida”.
Primeira consulta para usuarios transexuais e abordaxe do Chemsex
Como novidades deste ano, a Unidade constituíu, xunto co servizo de Xinecoloxía a primeira consulta para pacientes con VIH transexuais .
Tamén este ano abordouse o “Chemsex”, o consumo de drogas para facilitar a experiencia sexual nun contexto de sexo en grupo o en festas. Así, xunto as Asociacións Alborada e Cedro establecéronse unhas canles de colaboración para prestar unha asistencia máis integral a esta
adicción, xa que son pacientes que padecen máis comorbilidades, como enfermidades psiquiátricas, infeccións sexuais e problemas cardiolóxicos.
Melloría efectos adversos: ningún bebe infectado e hepatite C erradicada
Hai que subliñar tamén a gran melloría experimentada nos efectos adversos derivados da infección por VIH. Neste senso, pódese dicir que acadouse o control practicamente total da hepatite C nestes pacientes, e nestes momentos estase a piques de erradicala na comunidade galega.
Esta Unidade foi pioneira no desenvolvemento da consulta de displasia anal para o despistase de cáncer de ano, e tamén en Vigo “levamos 28 anos sen ningún nacemento de bebé infectado de SIDA polas súas nais portadoras do virus. Isto foi posible grazas ao desenvolvemento dun protocolo que tiña por obxecto o control de embarazadas seropositivas e no que participan varios servizos hospitalarios, entre os que destaca pola súa especial implicación o de Medicina Interna e o de Xinecoloxía e Obstetricia”, explica o especialista.
Programa de diagnóstico precoz en Urxencias
Ademais, o servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro desenvolve un programa de despistaxe precoz de VIH , en colaboración co servizo de Microbioloxía, para ampliar a detección do VIH silente, nos pacientes que se achegan ás Urxencias hospitalarias por determinadas patoloxías. Neste senso, cando o médico de urxencias detecta algunha enfermidade que puidera estar relacionada coa infección por VIH, se indicará unha proba serolóxica.
Este programa xa está implantado en Vigo desde hai 3 anos e desde entón levan diagnosticados 14 casos de pacientes con VIH positivos que estaban sen diagnosticar.
Segundo reitera o doutor Ocampo “podemos dicir que na nosa Área temos acadado un gran control do VIH grazas a todas estas liñas asistenciais desenvolvidas, ao traballo equipo multidisciplinar, e por suposto aos novos tratamentos dispoñibles hoxe en dia, que son de gran eficacia”

