Haberá presentacións de libros, contacontos e un obradoiro de papel que se realizará en horario de mañá cando finalice o curso escolar
— A exposición do mes dedícase aos traballos premiados no XXII Concurso de Banda Deseñada ‘BD Vigo’
A programación infantil e familiar protagoniza o mes de xuño na Biblioteca Pública xestionada pola Xunta en Vigo ‘Juan Compañel’, con presentacións de libros, contacontos e un obradoiro de papel que se realizará en horario de mañá cando finalice o curso escolar. Haberá tamén un curso de iniciación á informática para persoas con discapacidade auditiva organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Canto ás exposicións, os traballos premiados no XXII Concurso de Banda Deseñada ‘BD Vigo’ serán o elemento central do mes. A información sobre todas as actividades e se requiren inscrición previa pode consultarse na web do centro.
A axenda de xuño arrinca este xoves coa presentación do álbum ilustrado ¿Qué tienen que ver las vacas con el cambio climático? a cargo da súa autora Luísa Martínez Lorenzo, quen ofrecerá unha aproximación en positivo ao funcionamento do planeta Terra. O sábado, Nones Araújo presentará o libro 100 adiviñas para enredar, cun milleiro de enxeñosas adiviñanzas que poñen a proba a imaxinación. Ambas propostas son para público familiar e con entrada libre ata completar a cabida.
Xa na segunda quincena do mes, chegan os espectáculos de narración oral Cantacontos, de Pablo Díaz, para bebés ata tres anos, e Contos cantados. Cantos contados, da colombiana Carolina Rueda, para cativada partir de catro anos. Trátase de actividades enmarcadas no festival Atlántica miúda que terán lugar o xoves 16 e o sábado 18, respectivamente. Para asistir cómpre inscrición previa.
Obradoiro de papel
Para despedir xuño e unha vez rematado o curso escolar, a biblioteca ofrece un obradoiro de papel con Juste Kamishibai para rapazada de sete a 14 anos. Será do 27 ao 30 de xuño, de 10,00 a 13,00 horas, e cómpre inscribirse con antelación. Os contidos previstos para as diferentes xornadas son o pop-up, os cinemakis e os recortables e xoguetes de papel.
A maiores, para público adulto, o espazo vigués acollerá un obradoiro de iniciación á informática para persoas con discapacidade auditiva do 13 ao 17 de xuño. A Federación de Asociacións de
Persoas Xordas de Galicia organiza esta acción formativa de achegamento á ofimática e ao emprendemento, que xa ten pechada a inscrición.
Canto ás exposicións, o elemento central será a mostra dos traballos gañadores nas diferentes categorías do XXII Concurso de Banda Deseñada BD Vigo, cuxos premios se entregaron o pasado 21 de maio. Poderá visitarse ao longo de todo o mes. Cómpre sinalar que ata o día 18 tamén se mantén a exposición instalada co gallo da celebración das Letras Galegas Cultura transoceánica: vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, que salienta tanto a faceta de escritor e articulista do homenaxeado como o seu inxente labor cultural co que conectou o exilio da América Latina con Galicia.
