Traballadores/as da concesionaria do transporte urbano do Concellode Vigo mobilizáronse polas rúas da cidade e diante do consistorion
O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo,
secundou hoxe de xeito practicamente total a primeira xornada de folga completa para forzar a empresa a
negociar un convenio colectivo digno. Os traballadores/as aproveitaron para mobilizarse polas rúas da
cidade e diante do consistorio.
O comité de empresa decidiu convocar nove xornadas de folga de 24 horas coincidindo coa campaña
electoral das municipais, que comezaron hoxe e que continuarán os días 16, 18, 19, 22, 23, 24, 25 e 26,
unha vez que a dirección lles comunicou que non vai negociar o convenio mentres o Goberno local non lle
abone o reequilibrio económico para compensar a perda de viaxeiros/as con respecto a 2019.
Até o de agora os empregado/as de Vitrasa viñan desenvolvendo paros parciais en cada unha das quendas
de de traballo e desenvolvendo distintos tipos de mobilización para forzar a empresa a sentarse para
renovar un convenio que leva caducado dende 2020.
O paso do tempo xoga en contra dos traballadores/as, xa que a perda de poder adquisitivo é cada vez
maior, de aí que optasen por endurecer as medidas de presión. Tanto as convocatorias como as
mobilizacións están a ter un amplo respaldo do cadro de persoal, até o punto de que hoxe unicamente
saíron á rúa os autobuses en servizos mínimos (49 de 102, tanto na quenda de mañá como na de tarde).
De igual xeito, celebrouse unha concorrida marcha a pé que partiu a primeira hora de mañá dende as
instalacións de Vitrasa na estrada de Camposancos e que rematou cunha concentración diante do
Concello. Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, salientaron o compromiso e a implicación do
cadro de persoal e lembraron que durante a campaña electoral trasladarán as súas protestas aos actos que
organice o candidato do PSOE e actual alcalde para reclamarlle unha solución ao conflito laboral como
máximo responsábel do servizo de transporte urbano.
Para mañá martes 16 teñen convocada unha nova manifestación polas rúas da cidade que arrincará de
Praza América ás 12:30 horas, percorrerá a Avenida de Balaídos até a fábrica de Stellantis e rematará na
rotonda de Portanet coa Avenida de Balaídos.