- Tras as denuncias de Ecoloxistas en Acción, o xulgado de instrucción número 2 de Vigo abriu dilixencias (PROC. ABREV. 929/2024) ante un posible delito penal contra os recursos naturais e o medio ambiente polas verteduras contaminantes procedentes da cidade deportiva do Celta en Mos.
- Ecoloxistas en Acción entende que hai indicios claros de delito contra o ambiente e incluso contra a saúde pública pola posible contaminación dos mananciais das Traídas de auga de Mos.
- A organización ecoloxista tamén sinala posible prevaricación por parte da alcaldesa de Mos ao non clausurar o emisario do vertido, a pesar de saber que é un aliviadeiro de augas residuais que non conta con autorización da Confederación Hidrográfica.
O xulgado de instrucción número 2 de Vigo ven de notificar a Ecoloxistas en Acción a apertura de dilixencias previas para investigar o vertido contaminante procedente de A Fouteza, a cidade deportiva da SAD Celta en Mos, xa que aprecia posible delito contra os recursos naturais e o ambiente (PROC. ABREV. 929/2024).
O auto xudicial é anunciado varias semanas despois de que Ecoloxistas en Acción interpuxera unha denuncia ante o xulgado solicitando que se abriran dilixencias penais contra a SAD Celta por delito contra o ambiente e contra a saúde pública, polo vertido contaminante procedente das instalacións deportivas do Celta en Mos, que está vertendo residuos sobre os mananciais das traídas veciñais das parroquias mosenses de Tameiga, Petelos e Sanguiñeda.
Como proba da contaminación se entregaron no Xulgado os resultados da analítica do vertido encargada por Ecoloxistas en Acción que reflicten unha altísima concentración de fecais e tamén a presenza de varios compostos químicos asociados aos pesticidas e fertilizantes habitualmente utilizados no coidado e mantemento dos campos de fútbol.
Para a organización ecoloxista as declaracións do alcaldesa de Mos veñen a confirmar a súa denuncia. O Concello de Mos recoñece xa que a tubería procede das instalacións do Celta e que ademais é un emisario do aliviadero dunha cuba de recollida de pluviais e augas residuais dos regos. Esta auga recollida arrastra materia fecal dos abonos orgánicos e compostos químicos dos plaguicidas utilizados no mantemento dos campos de fútbol. Cando a cuba se enche, esta rebosa e se alivia a través de tubería que verte no monte. Isto demostra que o vertido non é inocuo, xa que conten augas resduais contaminantes. Ademais a Confederación Hidrográfica Miño Sil confirmou que o vertido carece de autorización e que iniciou un expediente para investigar o vertido.
Para Ecoloxistas en Acción o vertido contaminante procedente da Afouteza é claramente un delito contra os recursos naturais o ambiente, pero tamén un delito contra a saúde pública. A poucos metros, ladeira abaixo, do vertido atópanse varios mananciais das traídas de auga que corren un grave risco de contaminarse, se non o están xa. A infltración nos manancias de productos contaminantes pode afectar ás persoas e terse que clausurar as captacións de auga deixando a miles de fogares sen auga de boca. Sinalan que no caso de Mos, o Concello carece dun servizo municipal de subministración de auga ás casas co que suplir a clausura das captacións veciñais e particulares.
Ecoloxistas en Acción sinala o posible delito de prevaricación que pode estar cometendo a alcaldesa de Mos ao negarse a clausurar o emisario dos vertidos de A Fouteza, a pesar de ser coñecedora da súa ilegalidade. “Desde que tivemos coñecemento da contaminación puxemos toda a información a disposición do Concello de Mos, porén o concello non actuou para atallar este problema sabendo que ladeira abaixo do vertido atopanse varias captacións de auga da que bebe gran parte da veciñanza mosense”, declara Xaquín Pastoriza, coordinador do grupo local de Ecoloxistas en Acción.