- A Comunidade de Montes de Tameiga presentou na delegación da Xunta de Galicia en Vigo máis de 4 mil de alegacións contra a declaración de Interese Autonómico ao proxecto dalegacioneso presidente do Celta para construir un centro comercial e de ocio nos montes comunais de Mos.
- O voceiro de Tameiga, acompañado de representantes de Ecoloxistas en Acción, das traidas veciñais de auga e das forzas politicas, BNG e PSOE, de Mos, denunciou a operación para burlar a Xustiza ao declarar a Xunta de interese autonómico unha cidade deportiva ilegal segundo sentencia firme do TSXG.
Nas alegacións presentadas na delegación viguesa da Xunta de Galicia, máis de 4 mil, a Comunidade de Montes de Tameiga sinala que mediante a declaración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA), o Goberno galego persigue a reclasificación de terreos clasificados como Solo Rústico polo vixente PXOM de Mos, en beneficio, única e exclusivamente, da entidade privada promotora, e iso sen pasar polo procedemento legalmente previsto no artigo 83 da lei do solo de Galicia para a modificación do planeamento urbanístico municipal.
Ecoloxistas en Acción denuncia que o proxecto GS360 terá unha notable incidencia negativa sobre a paisaxe, a riqueza forestal e suporá un notable incremento do tráfico rodado de vehículos polos viais existentes coa contaminación en forma de polución e acústica que iso conleva.
«Esta construción nos montes comunais de Tameiga e Pereiras é un atentado ao medio ambiente. O proxecto arrasará un espazo de gran valor natural. Un pelotazo urbanístico para desposeer dun ben común á veciñanza para un beneficio particular», subliñou Xaquín Pastoriza, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
As Traídas de augas veciñais afectadas polo proxecto levan tempo denunciando o impacto significativo para as súas captacións de augas que terá a posta en marcha do desenvolvemento urbanístico que se pretende levar a cabo pola entidade privada “Real Clube Celta de Vigo, S.A.D”.
«A posta en marcha do proxecto requirá un importante consumo de auga, o que porá en risco o abastecemento para consumo humano e acarrexará un importante risco de contaminación e de perdida de capacidade de recarga dos acuíferos», denuncian desde a plataforma A Auga é Vida, que agrupa as traídas veciñais de auga afectadas polo proxecto.
Sinalan que esta destrución dos acuíferos resulta totalmente inxustificable, tanto e canto máis nos últimos anos resulta cada vez máis frecuentes as restricións o consumo de auga polos cada vez máis prolongados períodos de seca.
Ademais, tanto o representante de Tameiga, como do BNG e PSOE mosenses e de Sumar Galicia, aseguraron que se busca unha legalización das instalacións executadas polo Real Clube Celta de Vigo ao amparo dunha licenza anulada por sentenza xudicial firme Sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo nº3 de Pontevedra, así como as executadas sen axustarse á licenza outorgada no seu día polo Concello de Mos, posteriormente anulada, o que supón unha infracción urbanística moi grave.
«Con esta operación da Xunta demóstrase así o interese do señor Rueda en usurpar o monte comunal para darllo a un promotor privado. Non é un feito illado, levamos anos dunha vaga agresiva do Partido Popular contra as Comunidades de Montes galegas co fin de propiciar o espolio do monte veciñal”, resaltou César Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga