A organización reclama ao concello que revise á alza o cálculo da partida de ingresos, na que deixa atrás case catro millóns de euros
Esquerda Unida de Vigo presentou hoxe alegacións aos
orzamentos propostos para 2024 polo goberno municipal e pídelle ao equipo de
goberno do PSdG que revise as partidas orzamentarias, tanto en ingresos coma en
gastos, para axustarse á realidade que vive a cidadanía local.
Guillermo Crego, coordinador local de Esquerda Unida en Vigo, expón que
presentan unha batería de alegacións aos orzamentos municipais, xa que estes
“non poden ser orzamentos ordinarios, para cuestións habitualmente consignadas,
e teñen que construirse en torno á lectura real do que acontece na cidade”
Dende a organización de esquerda, denuncian ademais que o proxecto
orzamentario plantexado polo goberno municipal de Vigo para o vindeiro ano
amosa unha clara continuidade de configurar un uso dos recursos económicos do
concello coma se na cidade a inflación nos prezos ao consumo, na vivenda ou
medios de transporte non existise.
Crego sinala que dende a organización consideran “que é un orzamento que non
bebe desta realidade en primeiro lugar porque é totalmente alleo aos procesos de
reforma fiscal recentemente aprobados ao abeiro do Orzamentos Xerais do Estado
e mesmo no incremento notable de recursos que estes consignan para o exercicio
2024 no contexto da fiscalidade municipal”.
Así, na partida de ingresos do orzamento municipal, as alegacións presentadas por
EU consideran que o goberno municipal non contabilizou case catro millóns de
euros de ingresos, que virán neste exercicio das transferencias do Estado. Así, nas
alegacións enviadas anexas a esta nota sinalan que o concello obterá, segundo o
recollido na Comisión Nacional de Administración Local e os datos oficiais do
Ministerio de Facenda do estado español e o Concello de Vigo, un total de
127.732.814,20€ é dicir, 3.876.151,57€ máis do estimado pola Área de Facenda
na proposta orzamentaria.
Con este novo cálculo orzamentario, Esquerda Unida de Vigo plantexa unha
batería de propostas de novo gasto que revirtan realmente na cidadanía e non só
nos intereses dos de sempre. Así, as novas partidas plantexadas por EU Vigo
achegan propostas como: O estudo técnico, financieiro e arquitectónico, para a
posta en marcha dunha promoción pública de vivenda en terreos de titularidade
municipal no Parque Central en Severino Covas, cun importe de 70.000€, o
establecemento dun programa de axudas municipais para a implementación de
Comunidades Enerxéticas Locais en cubertas de instalacións municipais, cun
importe de 250.000€ ou a reserva para a adquisición da edificación sita rúa
Privada Moderna, de titularidade da SAREB, para a súa rehabilitación.
Incorporando o inmoble ao patrimonio municipal como un espazo singular da
cidade e con vontade de ter unha illa de vivenda pública municipal en réxime de
alugueiro social e para equipamentos públicos municipais (como pode ser un
centro de día municipal), cun importe de 500.000€.
Ademais, EU Vigo plantexa a ampliación de partidas orzamentarias que xa recolle
o goberno municipal para este 2024, con incrementos nas achegas para cuestións
de calado social e con especial relevancia para os sectores máis sensibles e
vulnerables da cidade. Así, o grupo propón ampliacións de partidas coma na
“Convocatoria subvencións en cooperación”, cun aumento da aportación en
120.000€ quedando a partida final nos 180.000€. Ou a ampliación do programa de
”Axudas as familias e fondo de emerxencia deshaucios”, cun de 300.000€
quedando a partida final nos 1.500.000€. Tamén propón a ampliación do
“programas socio-educativo de apoio familiar” con un incremento de 207.322,13€
quedando a partida final no 1.036.610,62€ e do programa ”Melloras en fogares”,
cun aumento de 100.000€ quedando a partida final nos 150.000€, entre outros.
Dende Esquerda Unida de Vigo consideran que o goberno municipal debe de pór o
foco en resolver os problemas reais e urxentes da cidadanía de Vigo e non incurrir
en erros de orzamentos anteriores coma as bolsas de axudas sen discriminación
por renda ou o gasto excesivo en partidas irrelevantes mentres na cidade
aumentan os casos de familias con todos os seus membros desempregados, os
desafiuzamentos e a emerxencia social
