- Altabás foi seleccionada para explicar as circunstancias que envolven ao lupus eritematoso sistémico, unha enfermidade que padecen 10 mulleres por cada home
- Trátase do primeiro libro branco a nivel nacional que afronta a perspectiva de xénero en múltiples áreas da saúde
- No Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, trátanse na actualidade unhas 300 persoas diagnosticadas con lupus eritematoso sistémico (LES), das que un 90 % son mulleres
A doutora Irene Altabás González, médica especialista en reumatoloxía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e investigadora do Grupo Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-mediadas (IRIDIS) do Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, participou na presentación do Libro Branco Saúde e Xénero en España, editado polo Observatorio de Salud (OdS).
O acto de presentación tivo lugar o martes 5 de marzo no Congreso dos Deputados, en Madrid, nun acto que abriu a presidenta do Congreso, Francina Armengol, e no que estiveron representantes do ámbito sanitario da Administración do Estado, do OdS e as autoras e autores dos diferentes capítulos que conforman esta publicación.
Profesionais seleccionados
Para desenvolver esta tarefa, o OdS conformou un comité científico encargado da coordinación deste documento, seleccionando á súa vez uns 50 profesionais do ámbito sanitario para a redacción de artigos nos que destacar a necesidade de abordar a investigación, diagnóstico e tratamento de cada unha das súas especialidades cunha perspectiva de xénero. Entre estes especialistas convidados a expoñer a súa visión científica nos seus respectivos ámbitos atópase a doutora Irene Altabás, autora do capítulo relacionado co lupus eritematoso sistémico (LES), unha enfermidade autoinmune crónica que ataca diferentes órganos e tecidos provocando lesións e inflamacións e que é dez veces máis común entre mulleres que homes.
Segundo expresou a Dra. Altabás: “Ser convidada a participar nesta iniciativa supón poder contribuír a unha publicación tan importante como este libro branco nunha enfermidade, como é o LES, no que a poboación feminina que o padece é significativamente superior. Así mesmo -continua Altabás-, afondar na necesidade de investigar e tratar as doenzas con perspectiva de xénero é absolutamente fundamental, se queremos contribuír a unha ciencia inclusiva, que teña presente a todo tipo de paciente, e con verdadeiro impacto na sociedade”.
Perspectiva de xénero
A orixe desta publicación xorde deste Observatorio de Salud, entendendo que era necesaria unha iniciativa con este contido ao estimar que “en España, o 40 % da poboación feminina, fronte ao 30 % da masculina, padecerá unha enfermidade crónica”, e a “espertar unha reflexión en toda a sociedade arredor da necesidade de incorporar políticas e accións sanitarias con perspectivas de xénero”, tal e como indican na páxina web desta organización.
No Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo trátanse na actualidade máis de 300 persoas con LES, das que un 90 % son mulleres.
Saúdos do Servizo de Comunicación e RR.II. da Área Sanitaria de Vigo
Pé de foto: A Dra. Irene Altabás no acto de presentación do Libro Blanco Salud y Género celebrado o martes pasado no Congreso dos Deputados.
O Libro Blanco Salud y Género é accesible a través desta ligazón: https://saludygenero.com/wp-content/uploads/2024/03/LIBRO-BLANCO-SALUD-Y-GENERO.pdf
O capítulo 10 desta publicación titúlase: Lupus y Mujer e a autoría corresponde á Dra. Irene Altabás.