Vigo, Galicia
General Vigo

Greenpeace y Ecoloxistas en Acción presentan un estudio sobre la polución y ruido en las calles de Vigo

  • Greenpeace e Ecoloxistas en Acción presentan un estudo sobre a polución e a contaminación acústica que causa o tráfico de vehículos a motor nas rúas de Vigo, en base ás medicións obtidas en 11 puntos distintos da cidade.
  • Para a realización do estudo tomáronse medicións do ruído xerado polo tráfico e da materia particulada, tanto de diámetro menor a 10 micras como menor de 2,5 micras, e dos gases CO2, NO2, SO2 e HCHO emitidos ao ambiente polos escapes dos vehículos. 
  • Os resultados constatan a situación nociva para a saúde pública que padece a poboación viguesa ante as décadas de desleixo do goberno municipal para reducir e pacificar o tráfico de vehículos a motor.

As organizacións ecoloxistas sinalan que o traballo de campo realizado polo voluntariado non pretende competir en rigor científico coas estacións oficiais medidoras da calidade do aire de Vigo, nin na metodoloxía da recollida da mostraxe nin na precisión dos aparatos de medida. A pretensión do informe non é máis que subliñar a mala calidade do aire en Vigo constatada polas propias medicións oficiais e que, ninguén discute, está causada na súa maior parte polas emisións de gases do tráfico rodado. A información relativa a Vigo reflectida nos informes anuais de Ecoloxistas en Acción sobre a calidade do aire no Estado español, baseada nos datos obtidos nas dúas estacións de medición de calidade do aire da Xunta (Coia,  Lope de Vega) e nas dúas de Stellantis, refliten tamén esta realidade. 

Os datos recolléronse en nós de comunicación significativos da cidade pola súa afluencia de peóns ou pola súa proximidade a colexios. En cada nó tomáronse medicións durante unha serie consecutiva de días para poder establecer unha media ademais do valor máximo obtido. Tanto o valor máximo como a media se contrastan cos valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde.

No informe elaborado por Ecoloxistas en Acción destácanse tres dos parámetros medidos por exceder estes de xeito sistemático os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde: os decibeis (db) de ruído diurno,  a concentración de  CO2 (ppm) e a concentración de partículas PM10 e PM2,5 (μg/m3) no aire. 

En todas as ubicacións nas que se realizaron medicións do ruído xerado polo tráfico os datos obtidos reflexaron unha alta contaminación acústica. O valor medio en case todos os nós ronda os 80 decibelios con picos superiores aos 90 decibelios. Estos valores exceden ambos o máximo de 53 db diurno e 45 db nocturno recomendado pola OMS. Ditos máximos recomendados supéranse nun 50%  e 69%  respectivamente.

As viguesas e vigueses semellan acostumados ao elevado ruído ambiente, pero non é necesario que cause danos directos no oído. A Comisión Europea cifra en 10.000 as mortes prematuras ao ano por mor do ruído e sinala que os efectos principais son trastornos non auditivos relacionados co ruído como estrés, ansiedade e depresión, insomnio por imposibilidade de conciliar o soño, diminución do rendemento e a aprendizaxe, incremento do risco cardiovascular e da mortalidade por causas respiratorias, cardiocirculatorias e diabetes en certos grupos de idade (maiores de 65 anos). 

A cantidade de dióxido de carbono presente na atmosfera incrementouse de 280 ppm (partes por millón) no ano 1800 ata as 410 ppm na actualidade. Nas rúas de Vigo a concentración de CO2 supera na maioria das medicións os 630 pm, un 53% superior ao valor medio na atmósfera. Este dato evidencia que a aportación de gases efecto invernadoiro que fai a cidade de Vigo é significativa.

Segundo a OMS e outras organizacións, non hai probas de que exista un limiar por baixo do cal a contaminación por partículas non provoque efectos adversos para a saúde, especialmente entre os segmentos máis sensibles da poboación. Por conseguinte, os límites que establecen as directrices da OMS perseguen lograr as concentracións máis baixas posibles de materia particulada.

No estudio utilízanse como referencia os valores da OMS para na comparativa coñecer o grao de contaminación nas rúas de Vigo, pero, como indican as organizacións ecoloxistas no seu informe, por debaixo destes valores de referencia segue habendo risco para a saúde da poboación. 

A concentración de partículas no aire varía coas condicións atmosféricas. Aínda que a concentración é máis baixa os días fríos e chuviosos a maioria das medicións tomadas superaban os valores da OMS. As mostras obtidas nos días cálidos e secos duplicaban ou triplicaban os máximos da OMS e nas zonas menos expostas ao vento chegaron a quintuplicar estes valores en repetidas ocasións. 

As partículas PM2,5 están asociadas con numerosos efectos negativos sobre a saúde, como o aumento das enfermidades respiratorias e a diminución do funcionamento pulmonar.  Existe unha estreita correlación cuantitativa entre a exposición a altas concentracións de materia particulada (PM10 e PM2.5) e o aumento da mortalidade ou morbilidade diaria e a longo prazo. 

Segundo Ecoloxistas en Acción e Greenpeace os resultados do estudo corroboran a necesidade de adoptar medidas inmediatas de pacificación e redución do tráfico rodado na cidade de Vigo. Medidas como o fomento da mobilidade activa, a mellora do transporte colectivo ou a peonalización de rúas axudan a acadar os obxectivos, pero a grave situación só ten arranxo coa aplicación de medidas de maior calado como a declaración de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) nas zonas onde o aire se fai máis irrespirable e hai máis afluencia de viandantes. 

“Non pode continuar o desleixo do goberno local cun problema tan grave que afecta  a saúde dos seus concidadáns e ao cambio climático. Instamos ao Concello a que mediante a designación de amplas zonas de baixas emisións, reoriente o modelo vixente de mobilidade en Vigo, no que predomina o automóbil que utiliza combustibles fósiles, cara a outra configuración modal na que predominen a mobilidade activa e o transporte público”, declara Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción Vigo.

Ecoloxistas en Acción e Greenpeace instan ao goberno municipal de Vigo a rematar con dúas décadas de inacción nas que a pesar de asinar todos os acordos climáticos que foron aparecendo, non se aplicou nin unha sóa das medidas comprometidas.

Deja una respuesta