- A delegada territorial sinala que no marco do primeiro plan de rescate atendéronse 3.515 solicitudes chegadas do sector da hostalería no conxunto da comarca
- Reafirma o compromiso da Xunta de seguir acompañando ao sector con medidas reais e axudas directas que permitan salvar do peche a empresas e autónomos
- Pon en valor que o Executivo autonómico traballe xa nun segundo Plan de rescate dotado cun mínimo de 50 millóns de euros e co obxectivo de activalo en febreir
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe que o Goberno galego xa abonou 6,5 millóns de euros das axudas concedidas ao sector da hostalería na área de Vigo. Así, sinalou que no marco do primeiro plan de rescate se completaron os pagamentos de 3.515 solicitudes.
No que atinxe a Comunidade galega, recordou que foron 20.000 as axudas que recibiu o sector da hostalería en os apoios económicos directos da Xunta de Galicia a través das tres liñas do plan de rescate por un importe total de 37 millóns de euros.
Segundo detallou Fernández-Tapias, dos 6,3 millóns abonados na área de territorial, máis de 4 corresponden as 2.163 solicitudes presentadas polo sector da hostalería na cidade de Vigo. No Val Miñor, concedéronse 130.300 euros en Baiona (62 solicitudes), 163.600 euros en Gondomar (105) e 249.425 euros en Nigrán (142). No Morrazo, atendéronse solicitudes por importe de 474.875 euros en Cangas (293) e de 246.300 euros en Moaña (147).
No caso do Val da Louriña, en Mos repartíronse 221.800 euros para dar cobertura ás 127 solicitudes presentadas e no Porriño 329.875 euros para 171. Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Fornelos de Montes percibiron 437.525 euros (237 solicitudes), 7.600 euros (4), 141.825 euros (73) e 17.925 euros (9 solicitudes) respectivamente.
Xa por último, a Salceda de Caselas concedéronse 49.175 euros (22 solicitudes) e a Salvaterra do Miño 46.825 euros (22 solicitudes).
En todo caso, a representante autonómica, conscientes dos esforzos que está a afrontar o sector derivados da restricións sanitarias ás que obriga a pandemia, incidiu no compromiso da Xunta de seguir acompañando ao sector con medidas reais e axudas directas que permitan salvar do peche a empresas e autónomos. E pese a que
apelou á colaboración entre as distintas administracións, en clara alusión a proposta do propio sector cun plan de rescate complementado con achegas directas das deputacións (30%) e os concellos (20%), indicou que o Goberno autonómico vai seguir traballando, con independencia de quen se sume ao chamamento da hostalería.
Dito isto, a delegada, que insistiu en que a actual situación de crise sanitaria require que todas as administracións traballen xuntas polo obxectivo común de paliar os efectos das restricións na nosa economía, invitou á Deputación de Pontevedra e aos concellos da área a sumarse á proposta. “É necesaria a implicación de todas as administracións, con independencia das cores políticas o de debates estériles sobre competencias”, reflexionou. “Mantemos a man tendida”, engadiu.
Segundo plan de rescate
Fernández-Tapias tamén puxo en valor o anuncio dun segundo plan de rescate para facer fronte ás novas restricións sanitarias dotado como mínimo con 50 millóns de euros e co obxectivo de poder activalo en febreiro. Deste modo, apuntou, a Xunta sumará en 90 días 140 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola crise e as restricións sanitarias.
Sobre esta segunda convocatoria, enfocada a persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados por mor da pandemia, explicou que terá unhas características similares ao posto en marcha a finais de ano.
Trámites máis áxiles e menos requisitos
Tras destacar a capacidade de xestión no abonamento das axudas que respaldou no feito de que antes de rematar o prazo de solicitude xa se efectuaran un 70% dos pagos, sinalou que nesta nova fase da pandemia simplificaranse os trámites e os requisitos para obter as axudas. “O noso obxectivo é que cheguen antes e a un maior número de empresas”, dixo.
Como novidade, salientou, que os autónomos non terán que acreditar prestación por cese de actividade e que non se esixirá as microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar ás axudas. En todo caso, incidiu en que as tres liñas de axudas volverán a ser complementarias e que os perceptores do 1º plan de rescate, de cumprir os requisitos, poderán volver a solicitalas.
Concello Total de axudas para a hostalería Importe de axudas para a hostalería
- Vigo 2.163 4.055.900
- Cangas 293 474.875
- Moaña 147 246.300
- Baiona 62 130.300
- Nigrán 142 249.425
- Gondomar 105 163.600
- Mos 127 221.800
- O Porriño 171 329.875
- Redondela 237 437.525
- Pazos de Borbén 4 7.600
- Fornelos de Montes 9 17.925
- Soutomaior 73 141.825
- Salvaterra do Miño 22 46.825
- Salceda de Caselas 22 49.175
- Total 3.515 6.572.950