Vigo, Galicia
General Vigo

Fernández-Tapias celebra la instalación en los locales del Casco Vello de la asociación cultural Évame-Oroza que conmemorará el centenario del nacimiento del escritor

A delegada da Xunta en Vigo visitou o baixo onde terá a súa sede o colectivo formado por representantes da sociedade viguesa como os pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, o xornalista Alberto Avendaño e o letrado Antón Beiras Cal

“A chegada ao Casco Vello de iniciativas culturais como a da Asociación Évame-Oroza son fundamentais para dinamizar o barrio histórico vigués”, sinalou Fernández-Tapias

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, Marta Fernández-Tapias, visitou este venres o local da rúa Subida á Costa no que se instalará a Asociación Évame-Oroza, creada recentemente para conmemorar o centenario do nacemento do escritor falecido en Vigo hai sete anos.

A representante autonómica acudiu xunto aos representantes do colectivo ao que lle foi adxudicado o baixo o día anteiror no consello extraordinario do organismo autónomo que tamén asignou outros 14 establecimentos a diferentes. “A chegada ao Casco Vello de iniciativas culturais como a da Asociación Évame-Oroza son fundamentais para dinamizar o barrio histórico vigués”, sinalou Fernández-Tapias.

O colectivo celebrará en 2023 o centeneario do nacemento do poeta Carlos Oroza e creará o Premio Internacional de Poesía co seu nome. A convocatoria incluirá un galardón para a mellor creación literaria en galego, a mellor en castelán e a mellor iniciativa musical con apoio literario en calquera de ambas as linguas.

A xunta directiva está formada por representantes da cultura e sociedade viguesa como os pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, o xornalista Alberto Avendaño e o letrado Antón Beiras Cal, ademais do editor Javier Romero.

Investigación e interacción

No seu novo local do Casco Vello a Asociación Évame-Oroza tamén abrirá un espazo dedicado á investigación da escrita e a súa interacción coas artes, tanto en soportes tradicionais como da Intelixencia Artificial (IA) e das artes visuais. Ademais, os resultados dos traballos terán presenza permanente na sede da asociación dende onde se converterán en mostras itinerantes.

O nome Évame-Oroza responde a unha das misións permanentes desta asociación cultural: custodiar e promover o patrimonio literario de Carlos Oroza (Viveiro, 1923-Vigo, 2015),

transitar a ponte bicultural que, co legado do poeta, une a creación literaria en castelán e en galego, e animar o risco creativo das novas xeracións nos eidos ibéricos da narrativa e a poesía.

Consello extraordinario do Consorcio

O Consorcio Casco Vello celebrou este xoves o consello extraordinario no que procedeu á adxudicación do alugueiro de quince locais que suporán a chegada ao barrio de quince novos negocios con actividades comerciais e culturais. Entre os novos adxudicatarios atópanse artesanos, autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais. Así, a rúa Abeleira Menéndez incorporará a súa oferta comercial un local de artesanía textil, unha produtora de eventos e unha academia de cómic. No caso de Cruz Verde, abrirá unha academia de inglés e un establecemento de artesanía cerámica.

O barrio tamén acollerá de forma inminente unha produtora audiovisual e un estudo de arquitectura na rúa Ferrería, mentres que en San Sebastián os alugueiros recaeron nun centro de ioga, unha orfebrería, un centro de orientación e acompañamento e outro estudo de arquitectura. Ademais, na rúa Santiago haberá unha asociación cultural sen ánimo de lucro e tamén ampliará as súas instalacións unha editorial. Por último, na Subida á Costa instalarase unha fundación cultural e na Ribeira do Berbés, unha academia de formación de viño.

Adxudicación directa

O Consorcio publicou o pasado 27 de xuño no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) as bases do concurso de alugueiro dos vinte locais con prezos que van desde os 70 euros (rúa San Sebastián, 8) o máis barato ata os 255 euros o máis caro (Subida á Costa, 5). Catro dos baixos comerciais concentraron a maioría do centenar de ofertas e recibiron un total de 44 propostas. O inmoble de Abeleira Menéndez 16 tivo dezaseis candidatos, mentres que o da rúa Santiago 15 chegou ata as once, o de Santiago 19 outras nove e San Sebastián 16 recibiu oito máis.

O proceso continuará agora coa posiblidade de adxudicación directa doutros cinco baixos comerciais, tal e como recolle o prego de condicións. Así, nos vindeiros días publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o concurso coa descrición dos locais e as condicións de alugueiro.

Deja una respuesta