- A delegada territorial da Xunta en Vigo espera que a organización se replentee a súa marcha e que o Concello e a Deputación rectifiquen na súa decisión de rebaixar nun 70 por cento a súa contribución para a edición deste 2021
- Defende que o compromiso do Goberno galego foi sempre manter ou incluso incrementar o apoio económico a este festival que hoxe concreta en 200.000 euros
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tivo ocasión de reunirse esta mañá coa organización do Marisquiño á que lle trasladou o compromiso do Goberno galego coa celebración en Vigo dunha nova edición do festival, tal e como xa lles adiantara nas reunións previas. Así, a representante autonómica garantiulles unha achega de 200.000 euros no caso de que reconsideren a súa marcha da cidade.
Deste modo, tras o recente anuncio da cancelación do evento, derivada da rebaixa nun 70 por cento das achegas conxuntas por parte do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, Fernández-Tapias defendeu que o compromiso do Goberno galego foi sempre o de manter e incluso incrementar o seu apoio ao Marisquiño, e que concretou hoxe cun incremento do 80% respecto á edición pasada e do 65% respecto á do 2019.
Así, e co obxectivo de conseguir a “supervivencia e continuidade deste festival na nosa cidade”, a delegada confiou non so en que a organización se replantee a súa marcha de Vigo, senón que tanto Concello como Deputación reconsideren a súa decisión de retirar os fondos que ata o de agora destinaba a este evento. Neste sentido, puxo o acento no impacto que suporía para a cidade a cancelación definitiva deste festival.
“É un empeño persoal do Executivo autonómico salvagardar o que un dos eventos do deporte urbano de maior repercusión tanto a nivel deportivo como de retorno económico para Vigo, polo que esperamos que os organizadores do Marisquiño reconsideren a súa marcha”, indicou, para sinalar que “desde a Xunta seguiremos apostando por Vigo, pola cultura e polo deporte”.