Actuarán o vindeiro 26 de agosto no Peirao de Transatlánticos da cidade xunto a Saiko, Reality e o DJ Tony Grox
“A Xunta trae de novo a Vigo, tal e como se comprometeu, a mellor oferta musical para a mocidade”, sinalou a delegada territorial
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este mércores un novo concerto dentro da programación cultural do Goberno galego para o vindeiro verán. Segundo informou a representante autonómica, o cantante arxentino Duki e o granadino Saiko actuarán o vindeiro 26 de agosto no Peirao de Transatlánticos da cidade. As entradas sairán á venda proximamente.
“Estamos de novo ante un dos grandes eventos musicais do verán en Vigo, con artistas recoñecidos na escena nacional e mundial. Chegan para dar continuidade ás actuacións de enorme éxito que os dous últimos anos contaron co apoio da Xunta a través do Xacobeo 21-22”, sinalou, despois de lembrar actuacións históricas na cidade, impulsadas polo Goberno galego, como a dos británicos Muse no Estadio de Balaídos, a de C.Tangana no Porto de Vigo e o festival Latitudes e Música Urbana, que contou coa presenza de Iggy Pop e Quevedo, respectivamente.
Xunto a Duki e Saiko, a delegada da Xunta avanzou que tamén actuarán o madrileño Reality e o DJ Tony Grox. “A Xunta trae de novo a Vigo, tal e como se comprometeu, a mellor oferta musical para a mocidade. Estou segura de que outra vez será un éxito”, sinalou Fernández-Tapias.
Artistas de prestixio nacional e internacional
Mauro Ezequiel Lombardo, máis coñecido como Duki, é un dos artistas arxentinos máis escoitados do mundo e unha figura de transcendencia internacional. Nado en Bos Aires (Arxentina), este compositor e cantante de trap, nominado en 2020 aos Latin Grammys, iniciou este mes de maio a súa xira polos Estados Unidos con concertos en Nova York e Miami.
Nos próximos días actuará en Chicago, Os Ánxeles e San Diego. Este verán, ademais de Vigo, tamén estará en varias cidades españolas, como Valencia, Bilbao, Cádiz ou Málaga. Duki conta con máis de 21 millóns de ouvintes mensuais en Spotify, 12,1 millóns de seguidores en Instagram; 6,8 millóns en Youtube; 3,5 en Twitter e 2,8 millóns en Tiktok.
Pola súa banda, Miguel Cantos, Saiko, é unha das novas estrelas da música urbana con éxitos recentes como Supernova, canción coa que conseguiu ser número 1 en España en Spotify. Xunto a el, actuará o produtor e cantante madrileño Reality, tamén encadrado no xénero urbano; e Tony Grox, un produtor e DJ gaditano, que actuou en escenarios de España, Inglaterra, Holanda ou Luxemburgo, ademais de participar en cancións de artistas como Juan Magán, Rosario ou Omar Montes.