Vigo, Galicia
General Portada

FEIJÓO AFIRMA QUE A XUNTA SEGUIRÁ FACILITANDO O ACCESO AO SOLO INDUSTRIAL POÑENDO A DISPOSICIÓN ESTE ANO 1,4 MILLÓNS DE METROS CADRADOS DE SUPERFICIE BONIFICADA NOS SEUS PARQUES EMPRESARIAIS

  • Lembra que desde 2015 a Comunidade leva adxudicados un total de 2,1 millóns de metros cadrados cunha bonificación de preto de 65 millóns de euros
  • Destaca a iniciativa PEMOS-18, o primeiro proxecto singular declarado pola Xunta no que se unen varias empresas, como un exemplo de colaboración entre entidades para adquirir solo empresarial, sumar forzas e aproveitar sinerxías

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a Xunta seguirá facilitando o acceso ao solo industrial, poñendo a disposición este ano 1,4 millóns de metros cadrados de superficie bonificada nos seus parques empresariais.

Para acadar este obxectivo, afirmou que a Administración autonómica destinará 8 millóns de euros, co obxectivo de bonificar a adquisición das 545 parcelas dispoñibles, a través da compra, con prezos bonificados ao 30% ou ao 50%; ou mediante o pago dun canon anual reducido, é dicir, en dereito de superficie.

Así mesmo, e como novidade, subliñou que a Xunta ofrecerá unha terceira vía de acceso, a de arrendamento, que inicialmente estará dispoñible para os parques de Ferrolterra e da fronteira con Portugal.

Logo de lembrar que, desde 2015 a Comunidade leva adxudicados un total de 2,1 millóns de metros cadrados, cunha bonificación de preto de 65 millóns de euros, Feijóo incidiu en que a Xunta seguirá facilitando o asentamento das empresas en Galicia. “E farémolo cunha nova Lei de desenvolvemento de áreas empresariais”, dixo, co fin de regular de xeito claro e unificado as diferentes formas de implantación das empresas.

Durante a colocación da primeira pedra da iniciativa PEMOS-18 da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), o responsable do Executivo galego referiuse a este proxecto como un exemplo de colaboración entre empresas que se unen para sumar forzas. Non en van, as once empresas implicadas -maiormente relacionadas co sector da automoción- foron pioneiras en conformar o primeiro dos proxectos empresariais singulares declarados pola Xunta no que se unen varias entidades, co obxectivo de adquirir solo empresarial e aproveitar sinerxías.

“En total, estamos a falar dunha operación que supuxo unha bonificación de solo industrial por parte da Xunta de preto de 900.000 euros”, dixo, precisando que, destas empresas, unha optou pola adxudicación en dereito de superficie; e as outras dez

optaron por mercar o resto de parcelas, por un importe de máis de dous millóns de euros.

Despois de que xa se adxudicase a construción conxunta das 11 naves, Feijóo aseverou que este proxecto, que suporá un investimento de máis de 11 millóns por parte das empresas, permitirá a consolidación de máis de 300 postos de traballo.

O presidente do Goberno galego concluíu resaltando que o polígono empresarial da Veigadaña segue sumando iniciativas, como proba o feito de que máis do 92% da superficie de parcelas do parque están xa adxudicadas, quedando dispoñibles para venda 6 parcelas, cunha superficie total de preto de 30.000 metros cadrados.

Cómpre salientar ademais que a Xunta colaborou con outros proxectos relevantes neste polígono: no eido da conciliación, con axudas para a posta en marcha dunha escola infantil con 74 prazas, que acadou o Premio de Arquitectura de Galicia 2020; e no eido do emprendemento, cunha achega para a posta en marcha do viveiro de empresas de Mos, para ofrecer acompañamento profesional a novos proxectos empresariais.

Deja una respuesta