― A cirurxía laparoscópica e robótica serán os temas a desenvolver no III Curso de Cirurxía minimamente invasiva HBP
― A Unidade de Cirurxía Hepatobiliopancreática do Chuvi xa leva realizadas 50 intervencións co robot Da Vinci
― Trátase de intervencións de alta complexidade na que que cirurxía robótica aporta maior precisión e seguridade
Especialistas de diferentes países europeos daranse cita o próximo xoves e venres no Hospital Álvaro Cunqueiro para debater sobre as últimas técnicas minimamente invasivas para o tratamento cirúrxico do cancro de fígado e páncreas.
Este curso de Cirurxía Mínimamente Invasiva Hepato-Bilio- Pancreática (HBP) alcanza xa a súa terceira edición, e nesta ocasión estará dedicado á abordaxe deste tipo de tumores con cirurxía laparoscópica e robótica. Organizado pola Unidade de Cirurxía HBP do servizo de Cirurxía xeral e dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, contará coa participación de 100 profesionais sanitarios.
Segundo afirma o responsable da Unidade de HBP, o cirurxián Sergio Estévez “o obxectivo é promover a implementación da cirurxía minimamente invasiva na patoloxía hepato-bilio-pancreática e permitir un debate aberto sobre cuestións, dificultades e todo tipo de problemas que nos surxen á hora de enfrontarnos a este tipo de abordaxe.”
Video-forum
O programa científico vaise desenvolver a través dun formato Video-forum no que se proxectarán varias intervencións cirúrxicas para o seu posterior análises e debate. Tamén contará cun simposio multidisciplinar no que participan profesionais de diferentes especialidades como oncoloxía, dixestivo, radioloxía e enfermaría. Nesta xuntanza abordarán o manexo onco-cirúrxico destas patoloxías (hepatocarcinoma e páncreas) así como os coidados perioperatorios da enfermaría.
Entre os relatores máis destacados do curso cabe subliñar ao Dr. Azagra, do centro hospitalario de Luxemburgo, considerado como un dos máximos expertos mundiais en cirurxía robótica do cancro de páncreas; así como J. Briceño, do Reina Sofia de Córdoba; e E. Cugat do Hospital GermanTrias i Pujol de Barcelona.
50 Cirurxías robóticas no Cunqueiro
A Unidade HPB do Chuvi realiza anualmente 140 intervencións, das que un 60% son laparoscópicas. Desde que hai un ano se iniciara o programa de cirurxía robótica, leva efectuadas un total de 50 intervencións co equipo robótico da Vinci.
O uso da cirurxía robótica para a abordaxe destas patoloxías permite aos cirurxiáns acceder á cavidade abdominal a través de pequenas incisións no pel, evitando desta forma os riscos e secuelas das grandes incisións.
“Nestes momentos xa estamos realizando cirurxía pancreática de alta complexidade. O de páncreas é o peor dos tumores desde o punto de vista da supervivencia do paciente e a cirurxía é o único procedemento potencialmente curativo para este tumor; nos últimos anos houbo avances espectaculares no tratamento cirúrxico desta patoloxía e neste senso, a cirurxía robótica nos aporta un plus de garantía e seguridade.”, explica o doutor Estévez.
Vantaxes para o paciente
Co emprego do sistema robótico da Vinci, a máis avanzada tecnoloxía en cirurxía robótica, pódense obter numerosos beneficios neste tipo de intervencións, tanto para o paciente como para o cirurxián.
Respecto aos beneficios para os pacientes, esta cirurxía é efectuada de forma minimamente invasiva e con gran precisión; polo que reduce de xeito importante o tempo de ingreso, permitindo ao paciente reanudar en poucos días a súa vida habitual; diminúe a dor postoperatoria e o risco de infeccións ou de intervencións.
