Con motivo do Día da Adherencia, os farmacéuticos ofrecerán unha xornada informativa aberta para concienciar da necesidade de cumprir as pautas da medicación
O último estudo realizado reflicte que unha media de 88 pacientes ingresan ao ano no Chuvi por incumprimento do seu tratamento
Con motivo do Día da Adherencia, o servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Vigo celebrará o próximo luns día 14, unha xornada informativa dirixida ás Asociacións de pacientes, e aberta a toda a cidadanía, para insistir na importancia de cumprir coas pautas de medicación. A xornada terá lugar ás 16.30 h. no Salón de Actos do hospital Álvaro Cunqueiro.
Baixo o lema “ACTÍVATE. La adherencia depende de todos”, preténdese concienciar á poboación da importancia de tomar a medicación de xeito correcto e visibilizar o papel dos farmacéuticos e farmacéuticas.
Segundo explica a xefa do servizo de Farmacia, Noemí Martinez López de Castro, “A adherencia ao tratamento é un elemento fundamental para conseguir a correcta eficacia dos medicamentos e, en consecuencia, mellores resultados de saúde. Trátase dunha das nosas principais liñas estratéxicas, e os profesionais de farmacia estamos especialmente sensibilizados con este tema porque sabemos que a correcta toma dos medicamentos reduce de xeito moi significativo as visitas a urxencias e hospitalizacións”.
O programa a desenvolver nesta xornada contará coa participación de 7 farmacéuticos de atención hospitalaria e primaria, que explicarán que é a adherencia; a importancia da mesma nos tratamentos cardiolóxicos; a relación coas resistencias a antibióticos; e as aplicacións ou plataformas que axudan no día a dia a cumprir coas tomas dos medicamentos e mellorar a adherencia .
Ingresos hospitalarios
O último estudo realizado na Área Sanitaria de Vigo sobre a falta de adherencia aos tratamentos reflicte que unha media de 88 pacientes anuais requiren de ingreso hospitalario por ese motivo; cunha estancia media de 7 días .
