- Na área sanitaria da Coruña e Cee poderían verse afectadas as analíticas xinecolóxicas se non e posible garantir que as mostras cheguen aos laboratorios nos prazos axeitados
- No tocante ás intervencións cirúrxicas, na área de Vigo cambiouse o protocolo de programación para que só se leven a cabo as operacións que teñan garantido o 100% do material necesario para a súa realización
- O Servizo Galego de Saúde segue traballando para adoptar medidas que minimicen ao máximo o impacto da folga no subministro de material aos centros sanitarios, como as alternativas ao transporte habitual ou as acreditacións ás empresas de nas que se advirte dun xeito específico que transportan material sanitario
A folga de transportes que está tendo lugar a nivel nacional dende este luns, está afectando tamén a subministración de material que precisa o Servizo Galego de Saúde para poder desenvolver a súa actividade con normalidade.
Na área sanitaria da Coruña e Cee, poderían verse afectadas as analíticas xinecolóxicas de velosidades coriales e líquidos amnióticos se non é posible garantir que a entrega no laboratorio de destino, en Barcelona, vaise cumprir nos prazos axeitados. Polo de agora non hai desabastecemento de reactivos nin funxibles de laboratorio, se ben é certo que dende o xoves non se está a recibir este tipo de material de xeito habitual.
No referido a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos a folga non está a afectar a actividade asistencial. A única incidencia ata o momento e a falta de de pallets e achas para a calefacción e a auga quente dos hospitais de Calde e A Mariña. Polo de agora estase a suplir esta falta con gasoil, pero pode non ser suficiente se non se recupera a normalidade na subministración a partires do martes.
No caso da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, polo de agora tampouco houbo repercusión na actividade asistencial, pero de continuar os problemas do transporte comezaría a preocupar a farmacia e os hospitais comarcais.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non foi necesario realizar polo momento anulacións nin reprogramacións da actividade prevista, pero isto pode cambiar se a situación actual mantense a principios da semana próxima.
Na área sanitaria de Vigo, continúase realizando toda a actividade asistencial, se ben cambiouse o protocolo de programación para que só se leven a cabo as operacións que teñan garantido o 100% do material necesario para a súa realización.
En canto a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e a área sanitaria de Ferrol, polo de agora non houbo que suspender ningún acto da actividade asistencial por mor das incidencias nas cadeas de transporte.
O Servizo Galego de Saúde segue traballando para adoptar medidas que minimicen ao máximo o impacto da folga no subministro de material aos centros sanitarios. Neste sentido xa ten identificados os artigos almacenables con existencias por baixo do seu stock de seguridade, buscando alternativas no caso de ser preciso e flexibilizou o horario de entregas e a recepción do material na Plataforma loxística de Negreira. Ademais está en contacto cos provedores máis importantes que non están a realizar entregas estes días, para acordar posibles solucións no que atinxe ao transporte e facilitou acreditacións ás empresas con cargas completas e habituais para o Sergas, nas que se advirte dun xeito específico que transportan material sanitario con destino aos hospitais públicos galegos.
