- Destaca que os Orzamentos de 2024 demostran un ano máis que a Xunta cumpre con Vigo, cun investimento medio de 660 euros por habitante e o maior gasto social da historia das contas autonómicos na cidade
- Sobre as recentes palabras do ministro de Transportes sobre a chegada do AVE a Vigo, o presidente asegura que o que os vigueses e os galegos precisan é menos cartas aos Reis Magos e máis certezas e cumprimentos na chegada dos trens Avril e na conexión por Alta Velocidade de todas as cidades de Galicia
- Marta Fernández-Tapias: «Só se Alfonso Rueda acada a súa primeira maioría absoluta os galegos poderemos conservar a illa de estabilidade que logramos cementar en Galicia e seguir presumindo de ser uns privilexiados
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, aproveitou hoxe a súa asistencia á Xunta Local do PP de Vigo para reivindicar e garantir o compromiso do Goberno galego coa cidade e coas súas familias, lamentando neste sentido que o único que os vigueses reciban por parte dos gobernos socialistas sexan bloqueos e incumprimentos.
Acompañado polo presidente provincial partido, Luis López, e a presidenta local, Marta Fernández-Tapias, o líder dos populares galegos afirmou que os Orzamentos de 2024 demostran un ano máis que a Xunta cumpre con Vigo, cun investimento medio de 660 euros por cada habitante e co maior gasto social da historia das contas autonómicos.
Rueda explicou neste sentido que o Goberno galego destinará á cidade olívica preto de 198 millóns de euros, dos cales máis dun 60% irán destinados a sanidade, educación e política social. Lamentando que moitos outros investimentos non poidan facerse realidade polo bloqueo do Goberno local, como é o caso da humanización da ETEA, o Instituto de Navia ou o Consorcio Casco Vello.
O presidente do PPdeG tamén volveu incidir no intolerable das palabras do novo ministro de Transportes, Óscar Puente, sobre a chegada do AVE a Vigo. E ironizou con que os vigueses e os galegos precisan é menos cartas aos Reis Magos e máis certezas e cumprimentos na chegada dos trens Avril e na conexión por Alta Velocidade de todas as cidades de Galicia.
FERNÁNDEZ-TAPIAS: “A ESTABILIDADE É O QUE NOS FAI DIFERENTES E UNHA DAS NOSAS MAIORES FORTALEZAS”
Pola súa banda, Marta Fernández-Tapias agradeceu a Alfonso Rueda a súa implicación na cidade ao longo de todos estes anos nos que o Goberno galego se mantivo á cabeza do investimento institucional en Vigo.
Segundo dixo, o presidente soubo facer valer o peso específico de Vigo no conxunto de Galicia con proxectos que “verdadeiramente constrúen cidade”, en clara alusión á Cidade da Xustiza, coa que se recuperou un dos edificios máis emblemáticos da urbe, ou o proxectado Centro do Asociacionismo vigués nos antigos xulgados da rúa Lalín, entre outros moitos.
E, cun marco nacional de fondo no que a convulsión política é a tónica xeral, Tapias avogou por “preservar e conservar a illa de estabilidade que logramos cementar en Galicia” porque “nela reside o que nos fai diferentes e, á vez, unha das nosas maiores fortalezas”. Amosouse así convencida de que só si o presidente Rueda acada a súa primeira maioría en Galicia “poderemos seguir presumindo de ser uns privilexiados”.
A presidenta dos populares de Vigo aproveitou a celebración da Xunta Local para facer balance do último trimestre no que á actividade municipal se refire, destacando logros importantes da presión veciñal e política cunha implicación directa do grupo municipal. Entre eles citou a extensión das becas de libros e material educativo a escolares de outros municipios, o recente anuncio do Goberno municipal da declaración de ruína da narcocasa no entorno de Pizarro, ou o recoñecemento de que a piscina de Teis hai que demolela para levantala de novo.
Asemade, incidiu nos máis de 700.000 euros de fondos europeos que o Executivo vigués terá que devolver por mor da “incompetente xestión das axudas” relativas á reforma do Mercado de Teis e aos parques infantís Camilo José Cela e Berbés.
