Hoxe, a secretaria xeral, Paula Prado, nun encontro en Santiago de Compostela coa comunidade venezolana de Galicia acompañada polo secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, e polo coordinador de Acción Exterior do PPdeG, Rubén del Río
● Paula Prado sinala que os independentistas galegos “non enganan a ninguén” e foron coherentes coa súa ideoloxía radical: “Que vergoña”
● Critica que os socialistas “foron aínda máis covardes”, xa que optaron por absterse, “o que é tanto como poñerse do lado do ditador e non recoñecer o voto que fixeron libremente todos os venezolanos”
O Partido Popular de Galicia celebrou hoxe, ao carón da comunidade venezolana, que o Parlamento galego recoñecera esta semana por maioría a Edmundo González como presidente lexítimo de Venezuela, ao igual que ocorreu no Congreso, e condenara a ditadura de Nicolás Maduro, pero lamenta que isto ocorrera sen o apoio nin do BNG nin do PSOE.
Así o valorou este mediodía a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nun encontro en Santiago de Compostela con venezolanos e venezolanas que viven en Galicia acompañada polo secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, e polo coordinador de Acción Exterior do PPdeG, Rubén del Río.
Os populares galegos volveron subliñar hoxe o seu recoñecemento a Edmundo González como presidente electo lexítimo de Venezuela e a súa condena ao réxime ditatorial de Maduro e a represión que está a exercer sobre a oposición, sobre a cidadanía e sobre calquera que teña a valentía de defender os dereitos humanos.
“O que fan o BNG e o PSOE, non recoñecer a Edmundo González como presidente, é descoñecer o voso voto, negarvos o voso dereito soberano a elixir aos vosos representantes e furtarvos a democracia”, dirixiuse Paula Prado aos presentes.
Prado sinalou que o BNG “non engana a ninguén” e foi coherente coa súa ideoloxía radical, porque votou o mesmo tanto no Congreso como no Parlamento de Galicia: “Que vergoña”, incidiu, criticando que o independentismo galego nin cambia de opinión nin se molesta en agochar o seu total apoio ao réxime de Maduro.
Neste sentido, lembrou que o mesmo día das eleccións mandaron alí aos seus propios observadores a exercer de palmeiros, a dicir que notan unha “melloría a nivel económico e social” cada vez que van e que “Venezuela vai cada vez a máis e a mellor”. Ademais, tan pronto Maduro consumou o pucherazo, non tardaron en redactar un comunicado oficial no que “saudaban” ao “reelecto presidente” e desexaban “paz e prosperidade” ao pobo venezolano. E, por último, a súa eurodeputada dixo que “hai que mastigar allos”.
“Que dirían eles se despois das eleccións autonómicas o PPdeG, que gañou con maioría absoluta limpa e democraticamente, mandara á policía a deter á señora Pontón ou señor Besteiro? Pois iso é o que eles están apoiando co seu non á iniciativa do Partido Popular”, abundou a secretaria xeral.
“O PSOE SEGUE A TESE DE ZAPATERO”
Pola súa banda, o PSOE votou en contra en Madrid e aquí en Galicia “foron aínda máis covardes”, xa que optaron por absterse. “E absterse é tanto como poñerse do lado do ditador e non recoñecer o voto que fixestes libremente todos os venezolanos. Esa liberdade e esa democracia pola que seguides loitando e que vos furtaron, o soño de seguir sendo libres”, manifestou.
Os socialistas, liderados por Pedro Sánchez, remarcou Paula Prado, “o único que está facendo é seguir a tese de Zapatero, que o que fai é branquear moitos anos esa ditadura, porque ten intereses alí”: “O que está facer o Goberno central, por moito que agora a ministra Robles recoñeza que é unha ditadura, é instrumentalizar a Edmundo González, xa que seguen negándose a recoñecelo como presidente lexítimo de Venezuela”.
“Non estades sos, contades co apoio do presidente Alfonso Rueda e de todo PPdeG. Seguiremos ao voso carón, loitando con vós, apoiando todas as iniciativas que estades levando a cabo nas cidades e demais concellos para loitar pola democracia e pola liberdade en Venezuela, pero sobre todo pola verdade”, concluíu a número dous dos populares galegos.