· Luisa Sánchez celebra que o alcalde socialista comece a informar do seu plan para convencer á FIFA, malia admitir que o proxecto construtivo está en elaboración e non ter propostas para os centros de adestramento
· “Como vimos onte, ao Concello aínda lle quedan moitos deberes por facer, pero nós non tiramos a toalla porque queremos que a nosa cidade acolla o Mundial 2030 dentro de pouco máis de tres anos”, apuntou
A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, vén de anunciar que o seu grupo instará no vindeiro pleno a Abel Caballero a enviar a documentación técnica e a pechar canto antes a reunión cos axentes chamados a participar na financiación para que Vigo poida ser sede mundialista. “Como vimos onte, ao Concello aínda lle quedan moitos deberes por facer, pero nós non tiramos a toalla porque queremos que a nosa cidade acolla o Mundial 2030 dentro de pouco máis de tres anos”, aseverou.
A líder local do PP fixo así referencia á presentación por parte do alcalde socialista do anteproxecto da reforma da grada de Tribuna, mostrado onte aos medios de comunicación. “Vímolo nos medios porque á Deputación e á Xunta aínda non chegou ningunha documentación. Pero polo menos tivo o xesto de mostrarllo á cidade antes que á FIFA, tal e como lle solicitamos fai máis dun ano”, apuntou.
“Ten o anteproxecto, algo é algo”, subliñou Luisa Sánchez, que celebrou que Caballero cedese ao fin á solicitude que o Partido Popular de Vigo fai dende novembro do ano 2025. “Costoulle, pero fíxonos caso”, afirmou a dirixente popular.
O acto cos xornalistas tivo lugar na recta final da campaña “facendo malabares coa lei electoral” e no mesmo, o propio Abel Caballero admitiu que non ten o proxecto, que “aínda se está redactando”, dándolle así a razón ao PP, que leva meses advertindo que o Concello de Vigo non conta coa documentación necesaria para acometer as obras.
“Levamos máis dun ano dicindo que ese proxecto é fundamental para conseguir o obxectivo de que Vigo sexa sede do Mundial, como tamén o é contar cun
cronograma e cun plan para os centros de adestramento, do que tampouco sabemos nada, e que é outro dos requisitos da FIFA”, aseverou a líder do PP de Vigo.
No pleno municipal do vindeiro luns, o PP de Vigo instará ao goberno local a que envíe toda a documentación e que peche “canto antes” a data da reunión para amosar a unidade que existe en torno á candidatura de Vigo e avanzar así na financiación”.
A remisión da documentación aos axentes chamados a participar na financiación e a convocatoria da reunión son os dous puntos da emenda do PP vigués á moción presentada polo grupo socialista sobre o Mundial.
“Xa que o alcalde deixou pasar o tempo e non quixo convocar a reunión antes da campaña electoral, como se pedía dende a Deputación, que sexa despois do vindeiro domingo e canto antes. A Xunta ofreceu unhas datas concretas sobre as que Caballero aínda non se pronunciou, pero agardamos que sinale canto antes o día para amosar que lle interesa o Mundial, e non que o único que lle importa é a polémica sobre o Mundial. Os seus actos amosan que non ten tanta présa como transmite no seu discurso”, concluíu.
