O persoal da empresa Ambulancias do Atlántico, actual concesionaria do 061 en Vigo, Cangas e Moaña e que tamén presta o servizo de transporte sanitario dos hospitais para toda a área sanitaria de Vigo, denunciou este venres perante a Inspección de Traballo que levan un ano enteiro acumulando atrasos no abono dos seus salarios.
Esta situación ven de complicarse máis despois de que o persoal sanitario afectado (250 traballadores/as) cobrase a paga extra de marzo unha semana máis tarde do establecido e sobre todo porque na actualidade aínda non cobraron a mensualidade de marzo, incumpríndose así o acordo coa empresa que obriga a facelo antes do último día de cada mes.
Empresario de ambulancias desaparecido
Na actualidade, o empresario catalán Carlos Simón García atópase desaparecido e en paradeiro descoñecido. Non se presenta na empresa, non contesta os requirimentos da representación do persoal, non atende os correos nin as chamadas e non comparece nas reunións de xestión.
Froito desta situación, a recentemente designada directora de recursos humanos abandonou a empresa sen se presentar ao traballo dun día para outro e o director da compañía está de baixa médica. Por estes motivos, o propio persoal traballador que aínda non cobrou é o encargado de xestionar integramente o funcionamento da empresa.
A representación sindical de CIG, CCOO e USO foi atendida pola inspectora de Traballo que levará o caso, que dada a urxencia e gravidade da situación comprometeuse a intentar localizar ao empresario para esixir a súa comparecencia urxente.
Onde van os cartos?
Pese a que o 061 ven de incrementar en máis de 800.000 euros anuais o importe da licitación a Ambulancias do Atlántico e que esta mesma empresa conta tamén coa concesión dos hospitais de Vigo, a adxudicación do servizo sanitario da Volta Ciclista a España, o Centro Penitenciario da Lama, o seguro de saúde Adeslas e o hospital Rivera Povisa, os atraos nos pagos ao seu persoal sanitario e aos provedores son continuos.
A difícil situación económica que semella atravesar a empresa vai en aumento, xa que esta mesma semana as tarxetas de pago que se empregan para a repostaxe das ambulancias deixaron de funcionar e tan só se pode acudir á gasolineira de Repsol da Avenida de Madrid por un suposto compromiso de Carlos Simón de pagar nun futuro o que se vai acumulando.
Ademais dos problemas económicos a empresa suma denuncias na Inspección, e mesmo vén de ser sancionada pola utilización de ambulancias asignadas a un contrato coa Administración
pública na realización de servizos privados. O último incumprimento do que se ten constancia é o de entregar documentación con información falsa para o concurso do actual servizo do 061.
Xestión directa da Consellaría
O vindeiro luns a representación sindical de CIG, CCOO e USO comunicaralle oficialmente a situación da empresa tanto ao Sergas como ao 061. No escrito solicitarán formalmente que se execute o aval depositado polo empresario Carlos Simón nos contratos que ten coa Administración para que o servizo pase a ser asumido directamente pola Xunta de Galiza e que sexa a Consellaría de Sanidade a que abone os salarios ao persoal sanitario que continúa sen cobrar.
