Vigo, Galicia
Galicia General Política Vigo

El observatorio de turismo Rías Baixas sitúa en cerca del 72% la ocupación media de julio en la provincia de Pontevedra.

Luis López: “O turismo é unha industria fundamental para esta provincia e o noso mellor escaparate ante o mundo. Os datos confirman o que xa sabemos. Pontevedra é desfrutar, tal e como avalan os milleiros de persoas que se achegan”

“Confiamos-asegurou o presidente- en que o bo comportamento do sector se manteña en agosto. Os empresarios e hostaleiros téñenos demostrado estar á altura en momentos complicados, cumpren e superan as expectativas de quen nos visita”

A piques de pechar o mes de xullo, o Observatorio de Turismo Rías Baixas sitúa en preto do 72%, dúas décimas por riba do acadado no 2022, a ocupación media de xullo na provincia de Pontevedra. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou que “o turismo é unha industria fundamental e o noso mellor escaparate ante o mundo” e, sobre os datos, subliñou que “confirman o que xa sabemos: Pontevedra é desfrutar, tal e como avalan os milleiros de persoas que se achegan ata a provincia”. “Confiamos –asegurou o presidente- en que o bo comportamento que está a experimentar o sector turístico se manteña en agosto. Quero destacar o papel que están a xogar os empresarios e hostaleiros que están a demostrar, unha vez máis e xa o fixeron en momentos complicados, que cumpren e superan as expectativas de quen nos visita. Vaia pera eles o noso agradecemento e recoñecemento”.

Superan a media provincial do 71,6%, tal e como explicou Luis López, as comarcas do Morrazo, cun 78,1%; Vigo, cun 77,2%; Caldas, cun 75,2%; e O Baixo Miño cun 75,2%. Pola súa banda, a comarca do Salnés rexistrou en xullo unha media de ocupación do 70%; a de Pontevedra do 69,4%; as do Condado e da Paradanta do 60,4% e as de Deza e Terra de Montes de preto do 50%. Ademais, “tiveron un comportamento moi significativo” os concellos turísticos de Baiona, que superou o 78,7%; Vigo, co 77,2%; Pontevedra, co 72,7%; O Grove co 71,1%; e Sanxenxo co 70% de ocupación media en xullo.

No que respecta a outros aloxamentos, o presidente da Deputación indicou que, segundo “os datos claros e transparentes do Observatorio”, o turismo rural acadou preto dun 64% de ocupación en xullo, con porcentaxes próximas ao 90% nas comarcas de Caldas ou do 85% no Morrazo. Pola súa banda, a comarca do Pontevedra mantivo un 67,8% de ocupación en xullo neste tipo de establecementos; a do Salnés un 65%; O Baixo Miño chegou ao 58,6%; as comarcas de Deza e Terra de Montes do 55,7%; as comarcas do Condado e da Paradanta do 49,1%; e a comarca de Vigo dun 45,3%.

No caso dos albergues, a ocupación situouse no 52%, con niveis do 80% na comarca de Vigo; do 59% no Baixo Miño, O Condado e A Paradanta; do 48,7% en Caldas; do 48,1% en Pontevedra, O Salnés e O Morrazo; e do 30% nas contornas de Deza e Terra de Montes. Pola súa banda os cámpings estiveron ocupados ao 60%, con bos datos no Salnés ao superar o 76%; en Vigo chegaron ao 73,3%; no Morrazo ao 69%; no Condado e A Paradanta ao 34% e no Baixo Miño ao 24%. Finalmente as vivendas turísticas acadaron en xullo unha ocupación media do 75%, cinco puntos por riba do 2022.

Visitas aos castelos e ao Museo de Pontevedra

“Pontevedra é sol, é praia, pero é moito máis. Tamén é cultura e patrimonio” remarcou o presidente da Deputación antes de dar a coñecer os datos de visitantes aos castelos de Soutomaior e Sobroso e ao Museo de Pontevedra. Os datos de visitas aos castelos “aumentaron nin máis nin menos que un 53% se os comparamos cos datos de xuño e xullo de pasado ano”, informou Luis López quen situou en 10.000 o número de persoas que percorreron nestes dous meses Soutomaior e Sobroso, 3.400 máis que o ano pasado.

No que respecta ao Museo de Pontevedra, no 2023 visitaron os sete edificios que o compoñen 87.200 persoas, 11.300 máis que o ano pasado o que supón un incremento do 14%. “Só en xullo –remarcou- foron 20.500 persoas e se continuamos así, ata o vindeiro 31, bateremos o récord de visitantes dun mes de xullo desde o 2017”. No caso das Ruínas de San Domingos “tamén este está a ser non o mellor mes, senón o mellor ano desde 2017”, informou o presidente que situou en 48.000 o número de persoas que visitaron este espazo do Museo de Pontevedra no que vai de ano.

Workshop de turismo en Alacante e Barcelona

Sen saír do sector do turismo, Luis López deu a coñecer que se teñen cuberto as 25 prazas ofertadas para participar no workshop de Turismo Rías Baixas previsto para o 18 de outubro en Alacante e para o 19 en Barcelona. “Son actividades –asegurou- que conectan a empresas turísticas da provincia con profesionais doutros lugares. Neste caso, prevemos dar a coñecer o destino Pontevedra a 100 empresas locais das dúas cidades”.

As 25 empresas pontevedresas que van participar nesta actividade organizada pola institución provincial en outubro en Alacante e Barcelona abranguen sete entidades de intermediación (Galiwonders, Viajes Celta Travel, Circuítos Galicia Viajes, Viajes Interrías, Vio Viajes, Tee Travel e Simply Galicia), cinco de oferta complementaria, entre as que se atopan entidades de turismo activo e adegas (Bodegas Vionta, Paco&Lola, Terras Gauda, Piragüilla e Ocean Secrets), e 13 empresas de aloxamento (Hotel Villa Covelo, Oca Opanema, Hotel Zenit Vigo, Talaso Atlántico, Hotel Alfonso I, Alda Hotels, Pazo Los Escudos, Veiga Mariña hotel rural, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Attica 21 Samil, Hotel Pirámide, Galicia Villas e Casa do Sear) que representan a oferta turística da provincia de Pontevedra.

Deja una respuesta