Vigo, Galicia
Vigo

El comité del dolor del Área Sanitaria de Vigo busca fórmulas de tratamientos integrales para las personas con dolor crónico

Co gallo do Día Mundial da Dor lémbrase o papel do Comité da Dor como punto de partida para ofrecer un coidado ao paciente con dor dende unha perspectiva integral

―  O Comité da Dor está formado por 17 profesionais sanitarios de distintos niveis asistenciais que teñen como fin asesorar sobre novas terapias para mellorar o benestar das persoas que padecen dor

Hoxe celébrase o Día Mundial da Dor, co fin de dar visibilidade aos pacientes con dor e sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de apoiar á investigación e o tratamento da dor a nivel universal.

 

Este ano, a Asociación Internacional para o Estudo da Dor (IASP) dedica este Día  ao Coidado Integrativo da Dor que, como explica a doutora Mónica Mayo, xefa de sección da Unidade de Dor do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo consiste en “o coidado integral dos e das pacientes con dor, procurando o seu alivio a través do estudo e desenvolvemento de novas e mellores terapias multidisciplinares e no que interveñan de maneira transversal outros estamentos e especialidades para actuar contra a dor, non só dende a perspectiva farmacolóxica, senón dunha forma integrada”.

Baixo esta perspectiva, a Área Sanitaria de Vigo conta xa dende 2017 cun Comité da Dor, “un órgano consultivo multidisciplinar formado por 17 profesionais que ten como finalidade asesorar sobre novas terapias para abordar o tema da dor polos servizos de cada especialidade da Área Sanitaria ”.

Subcomités

Así mesmo, este comité non só está composto por persoal facultativo e sanitario dos servizos máis relacionados coa dor, como Anestesia, a Unidade da Dor ou Farmacia. Tamén hai profesionais doutras áreas como Psiquiatría, Rehabilitación, Fisioterapia e Atención Primaria. “En definitiva, todas as especialidades que poden achegar melloras dende a súa perspectiva para aliviar a dor aos pacientes”.

Dentro deste Comité da Dor existen varios subcomités como o da Dor Oncolóxica, para a atención de casos particulares de pacientes oncolóxicos; ou o subcomité de Conductas aberrantes con opioides, que vela sobre as novidades en fármacos así como pola deshabituación dos pacientes con problemas de abuso con analxésicos.

Para a coordinación e a transferencia destes coñecementos, a doutora Mayo incide na existencia de convocatorias periódicas deste Comité nas que se poñen en común novos coñecementos dende cada disciplina médica para ser logo transferidos, así como a importancia que dos encontros de formación, como a xornada que se celebrará hoxe  mesmo no Hospital Álvaro Cunqueiro sobre o tratamento da dor crónica ou as xornadas organizadas pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) para o tratamento e a valoración da dor.

Quinta constante

A dor é un indicativo de que algo non funciona ben, polo que os especialistas a definen como a Quinta constante. É dicir, hai indicadores como a temperatura corporal, a tensión, o nivel de saturación ou o ritmo cardíaco que son determinantes á hora de establecer un diagnóstico. Do mesmo xeito, a dor é una constante máis que debe terse en conta, pero ten unha dificultade engadida, que é difícil de valorar dun xeito obxectivo.

“Non existe un instrumento específico para determinar a intensidade da dor, como hai  un termómetro para medir a temperatura ou un tensiómetro para determinar a presión sanguínea. Trátase dunha experiencia sensorial que ten a súa localización e a súa intensidade e que coñecemos a través da descrición do paciente; por iso, os especialistas  falamos da Quinta constante, pero sabemos que é difícil de medir e valorar, xa que depende da percepción de cada un.  Polo tanto, resulta fundamental por en común os coñecementos e experiencias dende tódalas perspectivas sanitarias posibles”, explica a doutora Mayo.

Deja una respuesta