O Biobanco ven de incorporar oito novas coleccións que se suman ás dez xa existentes ao servizo da investigación biomédica
Estas novas coleccións proceden de doazóns libres e altruístas e grazas á colaboración de facultativos de diferentes Servizos Médicos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, ademais de colaboradores do propio IIS Galicia Sur e da Universidade de Vigo
O Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) acaba de aumentar nestes primeiros tres meses de 2023 os seus recursos de investigación con oito novas coleccións que pon á disposición da comunidade científica para o seu labor de investigación biomédica. Estas novas coleccións corresponden a mostras de material biolóxico de enfermidades infecciosas, reumáticas e músculo-esqueléticas, silicose, ciliopatías, lisosomais e enfermidades inflamatorias intestinais. A elas hai que engadir un banco de leite materno e unha colección de mostras de controis, procedentes de persoas sen patoloxías que serven como contraste nos procesos de investigación.
Estas novas coleccións véñense de integrar no Biobanco do IISGS grazas á doazón altruísta de persoas con ou sen patoloxías e ao traballo de facultativos colaboradores dos servizos de Reumatoloxía, Pneumoloxía, Pediatría, Medicina Interna e Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, ademais de colaboradores do propio IIS Galicia Sur e da Universidade de Vigo.
Con esta nova achega, o Biobanco do IIS Galicia Sur, do que é directora científica a doutora Susana Teijeira Bautista, alcanza un total de dezaoito coleccións con máis de 40.000 mostras de, entre outros materiais biolóxicos: músculo, nervio e pel; tumores, esclerose ou mesmo Covid. Á súa vez, o Biobanco posúe unha das maiores coleccións a nivel nacional de cerebros para seren empregados na investigación científica.
Ao servizo da investigación biomédica
Dende a súa posta en marcha en 2009, o Biobanco do IISGS constituíuse coma unha plataforma que actúa como nexo entre doantes e a investigación clínica e biosanitaria (non só galega, senón a nivel nacional e internacional), co propósito de asegurar un tratamento fiable e eficaz das mostras biolóxicas humanas (tecidos, tumores, líquidos, sangue… ) e os datos clínicos asociados. Está inscrito no Rexistro Nacional de Biobancos e certificado conforme a norma UNE – EN ISO 9001:2015, que atinxe ao rexistro, procesamento, almacenamento e cesión de mostras biolóxicas de orixe humana en réxime de biobanco.
Así mesmo, o Biobanco do IIS Galicia Sur ofrece asesoramento metodolóxico legal e tecnolóxico, garante a asociación das mostras cun diagnóstico preciso e relevante, e asegura a calidade das mostras que custodia.
Doazón
A doazón de mostras ao Biobanco do IIS Galicia Sur é voluntaria e altruísta e realízase expresando esta vontade ao facultativo que atende ao paciente. Desta forma cando se toma unha mostra para o seu estudo ou análise, e unha vez obtido o diagnóstico, o paciente pode exercer a doazón tras a firma dun consentimento informado: documento polo que se acepta libre e voluntariamente destinar a mostra á investigación biomédica, unha vez ter sido debidamente informado.
O Biobanco ten tamén en marcha un Programa de Doazón de Cerebros no que pode participar calquera persoa maior de idade, deixando xestionada a súa vontade de doar este órgano para contribuír á investigación das enfermidades neurolóxicas, tanto se padece este tipo de enfermidade, coma se é unha persoa sa. As mostras procedentes de suxeitos sen enfermidade neurolóxica son imprescindibles para obter valores de referencia que podan contribuír ao estudo dos procesos de envellecemento e de neurodexeneración.
Existe información relativa a como facerse doante de cerebros na páxina web do Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur: http://www.iisgaliciasur.es/inicio/biobanco/quiero-ser-donante/?lang=gl