Vigo, Galicia
Vigo

El BNG urge una Estrategia Local para avanzar hacia un Vigo mucho más verde y sostenible

  • A fronte nacionalista chama a facer efectiva a declaración da situación de emerxencia climática na cidade, aprobada en setembro de 2019 por unanimidade do Pleno municipal
  • Aposta por impulsar un novo modelo de mobilidade, de xestión dos residuos e por medidas de protección dos montes locais, do litoral vigués e do río Lagares

Xabier P. Igrexas: “O compromiso firme do BNG é impulsar un Vigo con futuro que só pode ser verde”

O Bloque Nacionalista Galego urxe despregar unha Estratexia Local de Sustentabilidade para avanzar cara a un Vigo máis verde, respectuoso co medio ambiente e con medidas efectivas para combater os efectos do cambio climático. Con motivo do Día Mundial do Clima, a fronte nacionalista chama a facer efectiva a declaración da situación de emerxencia climática na cidade, aprobada en setembro de 2019 por unanimidade do Pleno municipal.

“Cando xa pasan moito máis de 4 anos dende esa decisión, comprobamos que ese acordo ficou nun brinde ao sol, nunha mera declaración de carácter simbólico pero sen actuacións concretas do Goberno de Caballero, como alertamos no seu momento dende o Bloque”, lamenta o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.

Dende o BNG piden que esta Estratexia Local de Sustentabilidade estea dotada durante o que resta de mandato cun mínimo de 16 millóns de euros, importe similar ao investido polo Concello de Vigo, por exemplo, na posta en marcha do ascensor Halo. “O BNG temos un compromiso firme por impulsar un Vigo con futuro, que só pode ser verde”, reivindicou Igrexas sobre a proposta.

Alternativas ao coche

Entre as medidas para facer efectiva esta Estratexia Local de Sustentabilidade, o portavoz nacionalista destacou a necesidade de impulsar un novo modelo de mobilidade, que reduza o uso do vehículo privado. “O Concelo ten que aproveitar a oportunidade da obrigada aplicación de Zonas de Baixas Emisións para potenciar alternativas ao uso do coche apostando pola mobilidade peonil e mellorando a rede de transporte público da cidade, e non para castigar a quen non se pode permitir un vehículo eléctrico”, subliñou.

Nese sentido, lembrou que Vigo é unha das cidades do Estado con máis coches por habitantes, con case 200 mil vehículos rexistrados, e cada día acceden á cidade case 100 mil. Unha situación que provoca, segundo teñen denunciado organizacións ecoloxistas, que a contaminación do aire en Vigo supere os máximos recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Novo modelo de xestión dos residuos

Outra das tarefas pendentes, a xuízo da fronte nacionalista, pasa por adecuar o actual modelo de xestión de residuos municipais ás novas esixencias medioambientais, despregando iniciativas que reduzan a xeración de residuos así como pulando por unha efectiva reciclaxe.

Protección dos montes, litoral e río Lagares

Co obxectivo de reconciliar a cidade co seu medio natural, dende o Bloque consideran “fundamental” que Estratexia Local de Sustentabilidade incorpore medidas específicas para mellorar a protección e valorización dos montes e do litoral vigués. Na mesma liña, demandan declarar o río Lagares como Espazo Natural de Interese Local.

Deja una respuesta