- A fronte nacionalista volve reclamar un “xiro radical” nas políticas sanitarias da Xunta do PP diante da “situación límite” na Atención Primaria da cidade nos últimos anos
Xabier P. Igrexas: “Tras o relevo na dirección de Atención Primaria da área de Vigo, desde o BNG temos que insistir en que é necesario moito máis que un cambio de caras”
O Bloque Nacionalista Galego urxe ao Sergas que reforce de inmediato os centros de saúde de Vigo para evitar un novo colapso durante a habitual vaga de gripes e procesos víricos nos meses de outono e inverno. Tras o relevo anunciado na dirección da Atención Primaria da área sanitaria viguesa, a fronte nacionalista insiste en que “é necesario moito máis que un cambio de caras”.
Así, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, volveu reclamar un “xiro radical da nefasta política sanitaria” da Xunta de Galiza do PP. “Unhas políticas que colocaron a Atención Primaria da cidade nunha situación absolutamente límite a golpe de continuados recortes e dunha brutal precarización laboral”, denunciou.
Un colapso dos centros de saúde que, alertou, tradúcese na saturación continuada tanto do Punto de Atención Continuada (PAC) de Pizarro como das Urxencias Hospitalarias. “E, o que é máis grave, compromete a adecuada atención sanitaria da poboación”, engadiu Igrexas, lamentando que hoxe continúen a ser miles as viguesas e vigueses que teñen que agardar dúas ou máis semanas para ter unha cita no seu centro de saúde.
Dende o Bloque reiteraron nese sentido a urxencia de despregar un plan de choque para reforzar a Atención Primaria en Galiza, con especial atención en área críticas como a de Vigo, destinando un mínimo de 200 millóns de euros e co compromiso de dedicar un 25% do orzamento sanitario a esta cuestión.
“Estes teñen que ser os primeiros pasos para reverter o recorte de arredor de 2.400 millóns de euros que o PP lle retirou aos centros de saúde nos últimos 15 anos”, remachou Igrexas.