Vigo, Galicia
Vigo

El BNG urge la intervención de la Xunta en el conflicto laboral del Hospital Povisa.

  • A fronte nacionalista reclama que o Goberno galego do PP medie nas negociacións por un novo convenio colectivo neste centro médico, financiado con máis de 90 millóns de euros anuais de diñeiro público.
  • Montse Prado: “A Xunta non pode ser cómplice e consentir esta situación, ten que fiscalizar o que está sucedendo e esixir que as condicións laborais e as ratios de persoal sexan como mínimo as mesmas que na sanidade pública”.
  • Xabier P. Igrexas: “O BNG levamos moitos anos a denunciar a grave anomalía que supón que este modelo de concerto singular se traduza nunha atención sanitaria ‘de segunda’ para 140 mil persoas da área de Vigo”.

O Bloque Nacionalista Galego urxe a intervención da Xunta no conflito laboral do hospital Ribera Povisa. A fronte nacionalista reclama que o Goberno galego medie nas negociacións ante o bloqueo por parte da dirección do centro médico privado de Vigo, que se nega a atender as demandas de melloras laborais e salariais do Comité de Empresa, tras 11 anos co convenio colectivo conxelado, e pretende impoñer unha inda maior precariedade aos seus preto de 1.500 traballadoras e traballadores.
“A Xunta e o PP son unha parte importante do problema, non poden desentenderse da calidade asistencial nin das condicións laborais porque estamos a falar dun hospital que recibe cada ano máis de 90 millóns de euros de diñeiro público para prestar atención sanitaria a 140 mil persoas da área de Vigo,”, denunciou a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, tras manter unha xuntanza este venres coa representación sindical do centro acompañada da tamén deputada, Alexandra Fernández, e do concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.


Prado pediu que o Goberno galego fiscalice como se xestionan os recursos do concerto singular co Sergas, coa creación dunha comisión de seguimento na que participe tamén a representación sindical. Nese sentido, anunciou novas iniciativas do Bloque no Parlamento galego para esixir que se equiparen como mínimo as condicións laborais e as ratios de persoal no centro privado ás fixadas na sanidade pública. “O Goberno galego non pode ser cómplice e consentir esta situación”, reprochou a voceira nacionalista.

Atención ‘de segunda’ polo afán de lucro da empresa

Na mesma liña, o edil do BNG na cidade expresou a “enorme preocupación diante da crecente conflitividade laboral” no centro médico e trasladou o total apoio das nacionalistas ás “lexítimas e razoábeis” demandas do persoal para un novo. Sinalou como causa o “enroque” da propiedade privada pola súa negativa a abordar unha “negociación en serio”.

“O BNG levamos moitos anos a denunciar a grave anomalía que supón que este modelo de concerto singular se traduza nunha atención sanitaria ‘de segunda’ para miles de viguesas e vigueses”, criticou Igrexas, que subliñou que o centro conta con “menos persoal e menos medios humanos que na rede pública polo afán de lucro da dirección do hospital”.

Un mes de parálise nas negociacións

Por parte do Comité de Empresa, falou a súa presidenta, Chus Neira, que acusou á dirección de romper as negociacións no último mes tras o inicio das mobilizacións. “Levamos moitos anos nesta situación. Levamos 15 reunións en total para o novo convenio, pero non houbo ningún avance para acordar unha suba salarial, unha xornada estábel, unha mellora nas quendas e poder exercer dignamente e con tranquilidade o noso traballo”, explicou Neira, que avisou de que continuarán coas protestas, incluso valorando a posibilidade dunha folga, en caso de que a empresa manteña o bloqueo nas negociacións.

Deja una respuesta