Representantes do ámbito sindical, cultural, veciñal, deportivo ou do activismo social adhiren á “alternativa aberta e en positivo” da fronte nacionalista cara ás eleccións municipais deste 28M
Representantes do ámbito sindical, cultural, veciñal, deportivo ou do activismo social adhiren á “alternativa aberta e en positivo” da fronte nacionalista cara ás eleccións municipais deste 28M
O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá un manifesto no que 51 referentes sociais da cidade chaman a apoiar a candidatura encabezada por Xabier P. Igrexas co obxectivo de “abrir un tempo novo” en Vigo.
Na relación de apoios salienta a presenza da escritora, María Reimóndez; o ex reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a avogada e activista social, Esther Lora; o sindicalista, Alberto Gonçalves; o ex futbolista profesional, Jonathan Pereira; a profesora universitaria, Helena Migúelez; o dramaturgo, Afonso Becerra; a filósofa e escritora, Carme Adán; o xestor cultural e director teatral, Roberto Pascual; a cantautora, Su Garrido Pombo; así como catro ex presidentes da Federación Veciñal (Amador Fernández, Xosé Lois G. Pais, Xosé Sánchez e Fernando Seixo).
Igrexas valorou este “apoio amplo e plural, por parte de persoas de diferentes ámbitos, orixes e perspectivas” que encadrou na “imparábel onda de simpatía cara ao BNG na cidade de Vigo”. Remarcou tamén que a proposta política da fronte nacionalista é de “portas abertas e cunha vocación firme de sumar”.
“Confluír” no BNG
O candidato á Alcaldía agradeceu expresamente “a xenerosidade de persoas que provindo doutros espazos e organizacións políticas hoxe acreditan na importancia de que todas as viguesas e vigueses que non se conforman con máis do mesmo conflúan na alternativa aberta e en positivo do BNG”. Desta maneira, tivo palabras expresas para o ex concelleiro de Marea de Vigo durante o mandato 2015-2019, Xosé Lois Jácome, e tamén para a ex secretaria xeral de Podemos en Galiza, Carmen Santos, que se sumaron ao manifesto.
“Temos que garantir que ningunha viguesa nin ningún vigués que quere que as cousas muden na cidade poida ficar sen representación. E o BNG tendémoslle a man para darlle voz e voto no Pleno a toda a veciñanza que sabe e sente que Vigo merece máis e lograrmos unha forza determinante para deixar atrás a inercia paralizante dos últimos anos”, explicou.
Fechando as 51 sinaturas do manifesto do apoio está Carmiña Fernández Santos, unha referente histórica do movemento veciñal de Vigo e presidenta fundadora da AV Val do Fragoso, entidade que Igrexas reivindicou como a súa primeira militancia. “Carmiña foi e é unha grande referente persoal para min. Un exemplo de compromiso xeneroso en favor do ben común. Con ela aprendín que a cidade faise desde os barrios e as parroquias e da importancia de escoitar, sobre todo, a quen pensa diferente”.
MANIFESTO
Abrirmos un tempo novo en Vigo
As transformacións que fixeron medrar e avanzar Vigo sempre tiveron un denominador
común: foron resultado do empurre popular, da forza da xente, da suma de vontades das
viguesas e dos vigueses. Somos unha cidade tan diversa como combativa, tan plural
como solidaria, tan complexa como determinada a enfrontar, xuntas e xuntos, os retos
que se foron poñendo no camiño.
Vigo é moito máis que catro letras. Vigo non é o escenario de quen se converteu nun
meme tan viral como ridículo. A veciñanza non somos nin queremos ser figurantes dun
parque temático. Vigo somos as viguesas e os vigueses, as persoas que vivimos e
traballamos nesta cidade. Vigo son os seus barrios e as súas parroquias. Vigo somos
todos e todas.
Despois de demasiados anos marcados polos tics autoritarios de quen non comprende
que democracia é moito máis que votar cada catro anos. Dunha xestión que se centrou no
aparencial e no inaugurábel pero que desatendeu as necesidades reais das viguesas e
dos vigueses. Do abandono dos barrios e das parroquias. Dunha total falla de diálogo e
dunha permanente lea partidista na que uns e outros utilizaron a cidade de refén. Da
perda de impulso por causa dunha evidente inercia paralizante. Por iso é hora de
abrirmos un tempo novo na nosa cidade.
Un tempo novo que principie por lle devolver o Concello á veciñanza, como primeiro paso
para lle devolver Vigo ás viguesas e aos vigueses. Que nos faga avanzar cara a unha
cidade máis habitábel, na certeza de que é moito máis que un territorio ou un espazo:
somos unha comunidade social. Cun novo modelo urbano deseñado para as persoas e
non para os coches e que deixe atrás o gris do cemento e do asfalto, reverdecendo toda a
cidade, sabendo que a sustentabilidade ambiental non é apenas un propósito de futuro
senón que ten de ser unha urxente tarefa de presente. Poñendo fin ao brutal arboricidio.
Avanzando cara a unha cidade igualitaria, que faga do combate de todas as violencias
machistas e de todas as formas de discriminación e explotación das mulleres unha
prioridade. Con feminismo nos feitos e non só nos discursos, despregando unha ollada lilá
en todas as políticas municipais. Na que ninguén fique atrás, mobilizando todos os
esforzos e medios para combater os gravísimos efectos sociais do actual contexto de
crise, que se está a traducir en pobreza e empobrecemento. Protexendo a maioría social
que representamos as clases populares e traballadoras. Unha cidade que se reivindique
orgullosamente diversa fronte ao discurso do odio que empurra a LGBTfobia, o racismo e
a xenofobia, e que se faga realmente inclusiva da diversidade funcional.
Sabendo que o noso futuro non pasa nin polo monocultivo de luces de nadal nin do
Xacobeo, é fundamental crear oportunidades para que a mocidade deixe de escoller entre
precariedade, desemprego ou emigración. Un Vigo produtivo e de emprego digno e con
dereitos, que blinde o futuro de actividades industriais estratéxicas pero que aposte na
diversificación e na innovación como vieiros de futuro.
Queremos e merecemos un Vigo que se volva referenciar como o que é: vangarda na
creación cultural. Porque a cultura é unha necesidade social e un dereito, temos que
deixar atrás as nefastas políticas municipais dos últimos anos que converteron o Concello
nun grande obstáculo para o facer un potente dinamizador cultural, co obxectivo de
pasarmos de cidade consumidora a cidade creadora. Afirmando o orgullo de nós,
valorizando a nosa tradición e comprometéndonos de verdade con facermos que o galego
gañe espazos de uso social en Vigo.
Temos que deixar atrás o embiguismo de quen teima en empequenecer e amurallar a
cidade, en enfrontarnos con todos, por todo, todo o tempo. Sabendo que o papel que nos
corresponde como maior cidade galega é o de sermos motor de todo un País. Un robusto
motor Vigo que empurre e dea a potencia necesaria ás mudanzas e transformacións que
precisa Galiza.
Neste contexto, as vindeiras eleccións municipais teñen a maior das importancias. Son
unha grande oportunidade para trazarmos, entre todas e todos, un cambio de rumbo. Con
ilusión e confianza nas nosas propias capacidades. Coa certeza de que temos todo por
gañar. Por iso, persoas de diferentes ámbitos e orixes, con distintas perspectivas e
enfoques, cunha pluralidade de soños e de arelas, facemos un chamamento a todas as
viguesas e vigueses que non se conforman con máis do mesmo, as que sabemos e
sentimos que Vigo merece máis, a sumarse este 28 de maio á alternativa aberta e en
positivo coa que o BNG quere abrir un tempo novo na nosa cidade.
Asinantes:
- María Reimóndez, escritora
- Salustiano Mato, catedrático e ex reitor da Universidade de Vigo
- Alberto Gonçalves, sindicalista
- Francisco Sío, sindicalista
- Transi Fernández, sindicalista
- Carme Adán, filósofa e escritora
- Xosé Lois Jácome (‘Chili’), ex concelleiro da Marea de Vigo
- Roberto Pascual, director teatral e xestor cultural
- Jonathan Pereira, ex futbolista profesional
10.Carmen Santos, ex secretaria xeral de Podemos Galicia
11.Manuel G. Moreira, médico e sindicalista
12.Amador Fernández, ex presidente da FAVEC
13.Xosé Lois G. Pais, ex presidente da FAVEC
14.Xosé Sánchez, ex presidente da FAVEC
15.Fernando Seixo, ex presidente da FAVEC
16.Anxo Iglesias, movemento veciñal en Teis
17.Ana Pérez, movemento veciñal en Valadares
18.Afonso Becerra, dramaturgo
19.David Rodríguez, ensaísta e deseñador
20.Manuel Lópes, bombeiro e sindicalista
21.Helena Miguélez, profesora universitaria
22.Xerome Calero, actor e director teatral
23.Dorés André, bailarina profesional
24.Fran Guizán, ex sindicalista no estaleiro Vulcano
25.Rafael Pérez, ex sindicalista no estaleiro Barreras
26.Ester Lora, avogada e activista social
27.Antón López “Toniño”, mestre e músico en Treixadura
28.Pepe Carreiro, debuxante
29.Lola Estevez, activista social
30.Su Garrido Pombo, cantautora
31.Luís Correa “O Caruncho”, músico e regueifeiro
32.Ana Mosquera, activista da solidariedade internacional
33.Kaixo, músico
34.Helena Pérez, editora
35.Xavier Moreda, activista en defensa da memoria histórica
36.Francisco Sampedro, ensaísta
37.Patricia González, artesá e música
38.Sime Gavira, vogalista de Keltoi
39.Henrique del Bosque, ensaísta
40.Manuel Xestoso, xornalista
41.Afonso Eiré, escritor
42.Jana Calero, avogada e integrante do grupo musical Liska!
43.Evaristo Pereira, debuxante
44.Manolo Pipas, escritor
45.Uxio Pérez, hostaleiro
46.Silvia Pérez Tato, editora
47.Gonzalo Pérez, libreiro
48.Dores Feixóo, ourive
49.Mª Jesús Lago, traballadora social
50.Cipriano Giménez, psiquiatra
51.Carmiña Fdez. Santos, fundadora da AV Val do Fragoso
