Vigo, Galicia
Vigo

El BNG se reivindica cómo la «única alternativa en positivo frente al desgobierno de Caballero y un PP descabezado”

  • A fronte nacionalista valora o primeiro ano do actual mandato no Concello de Vigo con 334 iniciativas formuladas: «Acompañamos cada denuncia dunha proposta concreta”
  • Destaca as alternativas presentadas para poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias, para a mellora do bus urbano e fronte ao grave problema da vivenda, entre outras

Xabier P. Igrexas: “A forza que nos move é a dos moitos milleiros de viguesas e vigueses que arelan un cambio de rumbo”

O Bloque Nacionalista Galego reivindícase como a “única alternativa en positivo fronte ao desgoberno de Caballero e un PP descabezado”. Así o vén de afirmar este luns o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cando se cumpre o primeiro ano do actual mandato no Concello de Vigo no que a fronte nacionalista formulou 334 iniciativas recollendo as demandas e necesidades veciñais.

“O BNG comprometémonos a que ser moito máis que tres asentos no Pleno, dixemos que íamos ser que ser a voz no Concello de todos os colectivos, entidades e tamén veciñanza a quen o Goberno municipal non quere escoitar”, destacou o portavoz nacionalista, quen considerou que “con humildade se deu cumprida resposta a ese compromiso”.

Igrexas puxo en valor as 334 propostas e posicionamentos realizados polo grupo municipal nacionalista que, asegurou, demostran “con feitos” a vontade do Bloque por ser a verdadeira alternativa política en Vigo. “Traballamos con entusiasmo e rigor, con firmeza pero sempre coa man tendida, a pé de rúa con ducias de visitas a todos os barrios e parroquias, e cunha interlocución permanente co tecido asociativo, na certeza de que as viguesas e vigueses merecen máis moito máis e de que o mellor está por vir”, salientou.

Dende a fronte nacionalista contrapuxeron a súa aposta cun PSOE “en retroceso, encastelado no autoritarismo e sen máis proxecto para a cidade que a súa continuidade no poder”, e tamén fronte a un PP “descabezado e sen máis proposta para a cidade que defender o abandono que impoñen desde a Xunta de Galiza en contra de Vigo”.

A cada denuncia unha proposta

Nese sentido, o portavoz do BNG defendeu o labor “esixente” de fiscalización do Goberno de Abel Caballero, acompañando cada crítica e cada denuncia dunha proposta concreta en positivo. “Fronte ao ruído do permanente pimpampum, da lea partidista entre PSOE e PP, entre Xunta e Concello, o Bloque nunca xogamos ao canto peor mellor”, afirmou.

Citou como exemplo as mocións formuladas ao Pleno municipal durante este primeiro ano de mandato para atender as “necesidades reais da cidade”. Entre elas, destacou a proposta dun Plan Cidade con 50 millóns de euros para poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias; a demanda de máis política social en favor das 60 mil viguesas e vigueses en situación de empobrecemento; a mellora do servizo de transporte urbano; o alargamento das políticas municipais en favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes; a mobilización dos “inmensos” remanentes municipais en favor da cidade; medidas concretas para enfrontar o gravísimo problema de acceso social á vivenda ou a demanda dunha resposta á crise industrial e laboral que atravesa a cidade.

“Demostrámolo tamén sendo a única forza política que formulamos o récord de 138 emendas parciais aos orzamentos municipais deste ano, a diferenza dun PP, instalado na preguiza e no desnorte, que se limitou a pedir a devolución das contas”, subliñou Igrexas. De igual xeito, lembrou que o BNG foi a única forza que dixo “un rotundo non” á aprobación provisional dun PXOM por estar “elaborado na escuridade dos despachos, de costas á veciñanza e que ameaza con tronzar as nosas parroquias e co que se pretenden legalizar pola porta de atrás pelotazos como o da urbanización VIP de Cabo Estai”.

Opacidade antidemocrática


Diante destas iniciativas, lamentou Igrexas, a resposta do Goberno municipal foi continuar no “monólogo xordo e autoritario que converte a súa maioría absoluta nun muro que nin escoita nin responde”. Así, ningunha das centos de iniciativas formuladas polo Bloque neste primeiro ano foron atendidas polo alcalde, Abel Caballero.

Aliás, a fronte nacionalista padeceu durante este tempo unha “continuada opacidade antidemocrática”, coa negativa a facilitar acceso a documentación municipal como no caso do escándalo do concerto de Guns N’ Roses ou co reequilibrio da concesión de Vitrasa, así como as reiteradas vulneracións “ilegais” do Regulamento Orgánico do Pleno. Así, ningún dos 175 rogos e preguntas que o BNG formulou no que vai de mandato nas Comisións Informativas e no Pleno recibiron a día de hoxe resposta.

Igrexas puxo tamén en valor a “coherencia” do BNG na defensa de Vigo e dos seus intereses en todas as institucións, trasladando iniciativas ao Parlamento galego, ao Congreso ou ao Parlamento europeo. “O Bloque a diferenza doutros dicimos e votamos o mesmo en favor da nosa cidade aquí, en Santiago, en Madrid ou en Bruxelas”, afirmou.

Man tendida a quen quere cambio

Fronte a este escenario, o portavoz municipal nacionalista afirmou que “nin o talante autoritario nin as dificultades van frear ou facer desistir” ao BNG. “A forza que nos move é a dos moitos milleiros de viguesas e vigueses que arelan un cambio de rumbo”, valorou en relación ao aumento de confianza continuado cara o Bloque na cidade que se reflectiu nos últimos catro procesos electorais celebrados no último ano.

“O BNG imos seguir tendéndolle a man a todas as viguesas e vigueses que teñen fame de futuro, que saben e senten que merecen moito máis do que lle pode ofrecer a inercia paralizante do actual desgoberno”, asegurou Igrexas, chamando a “seguir sumando máis forza arredor do Bloque para lograr algo revolucionario: facer posíbel o cambio que é necesario devolvéndolle o Concello á cidadanía como primeiro paso para devolverlle Vigo ás viguesas e vigueses”.

Deja una respuesta