Vigo, Galicia
Vigo

El BNG reclama refuerzos urgentes delante del “colapso” en los servicios sociales del Ayuntamiento de Vigo

  • A fronte nacionalista denuncia que a cidade conta con menos da metade de traballadoras sociais necesarias e alerta de esperas de entre 8 e 10 semanas para unha primeira cita

Xabier P. Igrexas: “Cando estes días hai quen saca peito de sermos a cidade máis feliz do Estado, do que se trata é de socializar o dereito á felicidade, principiando por garantir que todas as persoas teñan as súas necesidades básicas cubertas”

O Bloque Nacionalista Galego reclama reforzos urxentes diante do “colapso” nos servizos sociais do Concello de Vigo. Así o vén de demandar o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, trasladando o apoio da fronte nacionalista ao persoal municipal que iniciou este venres mobilizacións nas portas da casa consistorial fronte á “sobrecarga laboral e a situación límite” que padecen.

“A maior cidade galega non pode continuar con menos da metade de traballadoras e traballadores sociais que son necesarios e que se fixan como mínimo na Lei de servizos sociais de Galiza”, denunciou Igrexas, alertando de esperas de entre 8 e 10 semanas para unha primeira cita nos servizos sociais municipais, de apenas 20 minutos.

Un colapso que se traduce, ademais, en que as axudas de emerxencia para situacións de inminente risco social demoran máis de 2 meses en ser tramitadas ou provocan que o Concello estea a emitir fóra de prazo informes imprescindíbeis para a tramitación da Risga, do Ingreso Mínimo Vital ou para requirimentos xudiciais como, por exemplo, en casos de desafiuzamento. Unha realidade agravada polo feito de que non se están a cubrir nin as vacantes existentes (11 postos neste momento) nin tampouco as vacacións, baixas médicas ou permisos de maternidade, incumprindo o Plan de Igualdade municipal.

“O persoal dos servizos sociais municipais leva moito tempo soportando unha situación absolutamente límite”, subliñou Igrexas, quen considerou que esta sobrecarga laboral impide as traballadoras sociais desenvolver plenamente as súas funcións máis alá da tramitación burocrática.

Por debaixo dos 100 euros en gasto social por habitante

O portavoz nacionalista afeou que o Concello de Vigo, cun orzamento que supera os 300 millóns de euros, manteña uns servizos sociais “raquíticos”, ao que se suma a falla de política social por parte da Xunta de Galiza do PP. Cuestionou así a “propaganda oficial” do Goberno municipal asegurando que Vigo ten un gasto social por debaixo dos 100 euros por habitante ao ano que recomendan as organizacións do sector.

“É inaceptábel esta situación nun contexto de evidente emerxencia social na cidade, no que 1 de cada 5 viguesas e vigueses están en risco de exclusión e pobreza, de filas da fame con centenas de persoas acudindo a organizacións asistenciais ou comedores e con máis de 200 persoas sen fogar”, lamentou Igrexas.

Dende o BNG esixiron por estes motivos que o Goberno de Abel Caballero “abandone a política aparencial de xestos e grandes titulares” e faga do Concello un “verdadeiro parapeto” que protexa á maioría social cuns servizos sociais con máis medios materiais e, sobre todo, máis traballadoras. “É incomprensíbel cando o Concello ten 244 prazas de persoal municipal sen adxudicar pola inexecución das Ofertas Públicas de Emprego desde 2020, e cando a oferta deste 2024 inda está sen elaborar”, afirmou.

Igrexas chamou nese sentido a “humanizar de verdade” a cidade poñendo as persoas no centro das políticas municipais. “Inda que axudar a quen máis o necesita e combater a pobreza non se preste para inauguracións ou infografías, facelo ten que ser unha verdadeira prioridade do Concello”, demandou. “E cando estes días hai quen saca peito de sermos a cidade máis feliz do Estado, do que se trata é de socializar o dereito á felicidade, principiando por garantir que todas as persoas teñan as súas necesidades básicas cubertas”.

Deja una respuesta