A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Parlamento galego para urxir as obras necesarias no centro ante os riscos para a seguridade do alumnado e do profesorado, após manter unha reunión coa dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza
Carmela González: “As necesidades da ESADg son de sobra coñecidas pola Xunta de Galiza, que leva 14 anos sen facer nada malia as reiteradas demandas do centro”
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, demanda completar o complexo de Navia para facer realidade o grande campus artístico previsto na inauguración no ano 2010
O Bloque Nacionalista Galego reclama á Xunta de Galiza que repare con urxencia as “graves deficiencias” na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza (ESADg) de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para urxir as obras necesarias no centro de cara ao vindeiro curso diante dos riscos para a seguridade do alumnado e do profesorado.
Así o demandou este venres a deputada do BNG Carmela González xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, após manter unha reunión coa dirección da ESADg. “Constatamos que as instalacións actuais son insuficientes e deficientes, xerando unha situación de grave precariedade e de risco para a docencia e aprendizaxe de varias materias como iluminación, construción escénica ou espazo sonoro”, subliñou González.
A deputada nacionalista lembrou que as necesidades da ESADg son “de sobra coñecidas” e afeou que a Xunta o PP leve 14 anos, dende a inauguración das instalacións no barrio vigués de Navia en 2010, “sen facer nada malia as reiteradas demandas da dirección”. Eivas que afectan tanto ao auditorio do centro, con pingueiras que xa danaron a estrutura do escenario e con risco de afectar ás instalacións eléctricas, así como a diferentes aulas que non contan cos equipamentos necesarios para garantir a seguridade do alumnado.
“As ensinanzas da ESADg precisan dunha infraestrutura e de recursos acordes coas esixencias profesionais do seu ámbito e que os espazos de exhibición se axusten á normativa actual”, destacou González, chamando a iniciar canto antes estas obras que, segundo as propias estimacións do centro, apenas superan os 180 mil euros para as reparacións máis urxentes.
Ampliación pendente do proxecto
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou compromisos claros para facer realidade o campus artístico da ESADg, pendente dende hai 14 anos, e que hoxe supón importantes limitacións para a docencia en varias materias. Esixiu deste xeito destinar partidas orzamentarias para a construción das fases 2 e 3 do proxecto inicial, tal como demanda a propia comunidade educativa e como ten reclamado ano tras ano o propio Bloque nas súas emendas aos orzamentos da Xunta.
“É un exemplo moi gráfico do abandono que padece a maior cidade de Galiza por parte dos sucesivos Gobernos galego do PP”, afeou Igrexas, poñendo en valor o traballo deste centro referencia a nivel internacional no campo das artes escénicas. Sinalou como exemplos a necesidade de desenvolver a Escola Superior de Danza así como a apertura dun teatro no que poder representar as máis de 90 actuacións que cada curso realiza o centro e que, pola falla de aforo nas aulas, impide a asistencia do público xeral.
O portavoz municipal nacionalista chamou por iso a desenvolver as fases pendentes para que a ESADg teña maior capacidade para seguir sendo un “grande polo de creación cultural e dinamizador do enorme talento artístico que latexa na nosa cidade”.