- A fronte nacionalista presentará unha moción ao Pleno de febreiro, elaborada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), para poñer en valor a figura da escritora con actividades de promoción da súa obra.
- O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, reclama que o Goberno municipal garanta un compromiso efectivo do Concello como axente a favor da normalización plena do galego na cidade.
O Bloque Nacionalista Galego propón declarar de maneira oficial o 23 de febreiro como día de Rosalía de Castro en Vigo. A fronte nacionalista presentará unha moción ao Pleno de febreiro, previsto para este mércores, para poñer en valor a figura e obra da escritora galega e garantir un compromiso efectivo do Concello como axente a favor da normalización plena do galego na cidade.
“Sermos rosalianos e rosalianas supón termos a vontade real e decidida de continuar co inxente legado que representa a figura histórica de Rosalía de Castro. O legado dunha muller valente, rebelde, chea de talento e que se significou como verdadeira bandeira da recuperación da nosa dignidade colectiva como pobo, que reivindicou e practicou o orgullo de sermos galegas e galegos”, explicou en rolda de prensa o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.
A proposta do BNG, elaborada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), reivindica o papel de Vigo como berce do rexurdimento das nosas letras coa impresión en 1873 da obra Cantares Gallegos. Entre os puntos da moción, as nacionalistas piden emprender e apoiar actividades de promoción da súa obra, realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado da cidade na que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista e agasallar libros de autoras e autores en lingua galega, comprados en librarías da cidade, ao alumnado daqueles centros de ensino que fagan actividades de celebración desta data.
Compromiso real co galego fronte ás políticas aparenciais
Nese sentido, Igrexas mostrou a súa sorpresa polas recentes declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, onde se reivindicaba rosaliano. “Algo que non parece compatíbel coa política do seu Goberno municipal que, para alén do ceremonial, raia na galegofobia”, valorou o edil nacionalista, que recordou que tanto o rexedor como o resto do Goberno local se expresan publicamente “case en réxime monolingüe” en español, agás datas sinaladas como as Letras Galegas ou o Correlingua.
O concelleiro do BNG reclamou así que o Goberno municipal garanta un compromiso real e efectivo do Concello como axente a favor da normalización plena do galego na cidade. Criticou que o goberno de Abel Caballero teña rexeitada de forma reiterada propostas do Bloque para avanzar nese camiño, como a negativa de incorporar un mínimo de 150 mil euros nos orzamentos “millonarios” deste ano para promover o uso social da lingua galega.
Chamou ademais a reactivar o Consello Social da Lingua, máximo organismo asesor do Concello de Vigo en materia de normalización, que leva “en punto morto” desde outono de 2019. “Hai que pasar das políticas aparenciais e garantir o dereito das viguesas e vigueses a podermos vivir plenamente no noso idioma”, demandou Igrexas.