- A fronte nacionalista pide coñecer os plans do Goberno local para garantir o cumprimento da normativa de ruídos, evitar o caos de tráfico e asegurar o paso de vehículos de emerxencia
Xabier P. Igrexas: “O documento aprobado como ‘programación de Nadal’ non recolle ningunha das propostas de diferentes servizos municipais nin da veciñanza afectada”
O Bloque Nacionalista Galego pregunta ao Goberno de Abel Caballero que medidas vai tomar este ano para evitar un novo “caos” na cidade a causa do Nadal. A poucas semanas do acendido das luces, a fronte nacionalista denuncia que non se coñecen os plans do Goberno local para garantir o cumprimento da normativa de ruídos, evitar os problemas de tráfico e asegurar o paso de vehículos de emerxencia.
“O Goberno municipal inda non ten concretado que medidas se van adoptar para evitar que un ano máis o Nadal acabe por ser un calvario inhabitábel, insustentábel e inseguro para o conxunto das viguesas e dos vigueses”, afeou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Dende o Bloque aseguran que a única información coñecida polo momento é o documento aprobado polo Goberno local como ‘programación de Nadal’ que, como advertiron dende a fronte nacionalista o pasado mes de xullo, resúmese en “máis do mesmo”. Un documento, criticou Igrexas, que non recolle ningunha das propostas trasladadas por diferentes servizos municipais nin as demandas da veciñanza afectada. “Unha situación que se mantén co Comité de Nadal fake, do que non temos constancia que teña adoptado ningún acordo”, afeou.
Diante desta falla de información, Igrexas anunciou que o BNG vai solicitar a comparecencia da concelleira de Seguridade na Comisión Informativa, prevista para o vindeiro luns, para que explique en detalle todas as medidas que se van adoptar dende o Concello para evitar os problemas de anteriores edicións.
Suspender as normas de ruído
No relativo aos problemas de ruído, a fronte nacionalista afeou que a única medida anunciada polo momento sexa manter as medidas “parciais” do pasado ano, coa supresión de pequenos tramos de megafonía, que non evitaron “graves trastornos” na veciñanza residente. Ademais, alertou Igrexas, o Goberno de Caballero abriu a porta a incumprir a normativa relativa a ruídos indicando expresamente a posibilidade de “suspender provisionalmente os obxectivos de calidade acústica”.
Caos de tráfico
Dende o Bloque criticaron tamén a falla de medidas para evitar o “caos de tráfico” vivido en anteriores edicións do Nadal. Igrexas lamentou que o Goberno municipal non atendera ningunha das propostas trasladadas por departamentos municipais e tamén polo propio BNG como facilitar o acceso a residentes e traballadoras da zona, aparcamentos disuasorios, lanzadeiras de bus, mellorar as sendas peonís ou a coordinación cos diferentes corpos de seguridade nos accesos á cidade.
Paso de vehículos de emerxencia
Outro dos puntos problemáticos, a xuízo das nacionalistas, foi a xestión dos servizos de emerxencia, como ambulancias e bombeiros. “Non podemos volver vivir as demoras de anos pasados, que poden ser críticas e mesmo mortais, ou que ambulancias teñan que dar marcha atrás nun túnel porque non pode avanzar”, advertiu o portavoz municipal do BNG, demandando tamén que se reforce o operativo de seguridade para que non sexa persoal voluntario ou de Protección Civil, como ocorreu en edicións anteriores, quen exerza funcións de control do tráfico malia carecer de competencias e formación