Vigo, Galicia
Vigo

El BNG llama a hacer realidad un Centro de Reparaciones Navales en Vigo para revitalizar el sector

  • A fronte nacionalista lamenta durante unha visita á feira Navalia a falla dunha política industrial da Xunta de Galiza para “impulsar as enormes capacidades deste sector estratéxico para a economía e o emprego”

Xabier P. Igrexas: “O BNG seguiremos a dar a batalla por retirar as limitacións que estrangulan o noso tecido empresarial e para defender o noso dereito a producir”

O Bloque Nacionalista Galego chama a facer realidade un Centro de Reparacións Navais na ría de Vigo que permita revitalizar o sector. Así o demandou este mércores o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante unha visita á feira internacional Navalia xunto a deputada no Parlamento galego Carmela González e o deputado Brais Ruanova.

“Navalia é a expresión máis clara da enorme capacidade que ten o sector naval de Vigo e de Galiza, cunha acreditadísima capacidade técnica, produtiva e de innovación”, valorou Igrexas, cuestionando pola contra a falla dunha verdadeira política industrial por parte da Xunta de Galiza que permita traducir esa capacidade no impulso dun sector “estratéxico” para a economía e o emprego de Vigo e de Galiza.

O portavoz nacionalista acusou o Goberno galego do PP de ser “responsábel por inacción do devalar do naval vigués” que, malia ser un dos grandes tractores económicos da área, está lonxe dos 10 mil postos de traballo que acadou hai 15 anos mentres os principais estaleiros e a industria auxiliar atravesan “importantes dificultades”. Fronte a esta situación, asegurou que “non abonda con boas palabras e grandes declaracións” como as realizadas na inaguración da feira por diferentes responsábeis políticos, entre eles o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

25% do PIB galego na industria

Dende o BNG defenderon como obxectivo irrenunciábel incrementar o peso das actividades industriais até representar o 25% do PIB galego, no que a cidade de Vigo recupere o seu papel como “potente pulmón industrial” de Galiza. “Isto esixe blindar o futuro da construción e reparación naval na nosa ría con políticas concretas e cunha decidida intervención públicos como o Centro de Reparacións Navais”, defendeu Igrexas.

No mesmo sentido, as nacionalistas chamaron a despregar políticas que alenten o proceso de innovación tecnolóxica, para que a industria viguesa e galega produzan tamén bens de equipo destinados aos buques que se arman nas gradas dos estaleiros locais. “Hai que apostar por alargar a competitividade do sector sobre a xeración de valor engadido e da innovación e non do abaratamento de custes”, subliñou, propoñendo a posta en marcha dun verdadeiro holding do sector naval de Vigo con participación pública.

Naval de Vigo, potencia internacional

Así, o portavoz municipal do Bloque defendeu que o “naval galego non é menos capaz” que o de outros territorios do Estado ou do resto de Europa. “O que non ten o sector é o apoio decidido desde os Gobernos galego e central”, afeou, urxindo facer do impulso do sector naval unha “verdadeira política de País” como un dos elementos centrais dun modelo industrial que permita aumentar a produción e consolidar o emprego.

“O noso obxectivo é facer do naval de Vigo e de Galiza unha verdadeira potencia produtiva a nivel internacional”, apostou Igrexas. “No Concello de Vigo, no Parlamento galego, no Congreso e tamén en Bruxelas, o BNG seguiremos a dar a batalla por retirar as limitacións que estrangulan o noso tecido empresarial e para defender o noso dereito a producir”, remachou.

Deja una respuesta