Vigo, Galicia
Vigo

El BNG exige al Ayuntamiento de Vigo y Xunta que cooperen para evitar “echar a la calle” a diez supervivientes del incendio de Afonso X


A fronte nacionalista dirixiu unha carta conxunta á concelleira de Política social, Yolanda Aguiar, e á Delegada Territorial da Xunta, Ana Ortiz, instando a ambas as dúas administracións a actuar de maneira inmediata para garantir unha alternativa habitacional a estas familias vulnerábeis

Xabier P. Igrexas lanza un ultimato a Aguiar e Ortiz: “Se insisten no seu comportamento frívolo e irresponsábel o único exercicio digno que lles quedará é o de presentar a súa renuncia aos seus respectivos cargos o vindeiro luns”

O Bloque Nacionalista Galego vén de tomar a iniciativa diante do risco de dez persoas sobreviventes do tráxico incendio da rúa Afonso X, do pasado mes de outubro, acaben en situación de exclusión social pola falla de asistencia por parte das administracións públicas.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, dirixiu esta mañá unha carta conxunta á concelleira de Política social, Yolanda Aguiar, e mais á Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, instando a ambas as dúas administracións a actuar de maneira inmediata para garantir unha alternativa habitacional a estas familias vulnerábeis.

Na misiva, cun ton firme, lamenta que a decisión do Goberno municipal de Vigo de poñer fin, desde o pasado 2 de maio, ao dispositivo social que permitía o acollemento nun hostal de 10 persoas sobreviventes do incendio de Afonso X, sen lles ofrecer unha alternativa habitacional supón na práctica a súa expulsión á rúa.

Aliás, critica que diante desta situación “aberrante” a única resposta ofrecida pola Delegación Territorial da Xunta na nosa cidade foron escusas, alegando non dispor vivendas que ofrecer, pero sen presentar ningunha alternativa concreta para alén de insistir nos reproches partidistas en contra do Concello.

“No medio do seu cruce de reproches e como vítimas directas das súas decisións irresponsábeis, dez persoas empobrecidas e en claro risco de exclusión social vense empurradas ao senfogarismo pola inacción das administracións públicas que vostedes din xestionar”, sinala Igrexas.

Ultimato a Aguiar e Ortiz: ou resolven ou dimitan

Para o Bloque Nacionalista Galego esta situación supón “ultrapasar todas as liñas vermellas”. “Se xa era insoportábel a falla de resposta por parte de Concello e Xunta, no marco das súas respectivas competencias, fronte a situación de emerxencia social que atravesa a maior cidade de Galiza, con 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza e máis de 200 persoas sen fogar, a súa actuación neste caso (por acción e por omisión) fainas responsábeis de privar dun dereito básico e esencial como é a vivenda a 10 persoas vulnerábeis que ficaban baixo a súa asistencia”, reprocha de maneira enérxica o portavoz municipal nacionalista.

Dede o BNG rexeitan a “discusión estéril sobre o marco competencial a nivel administrativo”, e as “escusas falsas a respeito da falla de recursos económicos” (tanto do Concello, con 200 millóns de euros de remanentes, como da Xunta que deixou sen executar preto de mil millóns de euros no último exercicio), considerando que non son xustificación para este “comportamento cruel e inhumano, que supón un claro maltrato e un exercicio de violencia institucional en contra de poboación vulnerábel á que se lle engade un sufrimento innecesario”.

É por iso que a carta remata cun ultimato dirixido a Aguiar e Ortiz, no que Igrexas afirma que “de insistir no seu comportamento frívolo e irresponsábel o único exercicio digno que lles quedará é o de presentar a súa renuncia aos seus respectivos cargos o vindeiro luns”. “Ou resolven esta situación ou dimitan”, remacha.

Deja una respuesta