- A fronte nacionalista urxe concretar os prazos para a reapertura da piscina de Teis e pide ampliar horarios no resto de instalacións así como bonificacións ás persoas que se vén obrigadas a desprazarse a outros barrios
Filipe Abalde: “Ao Goberno municipal non lle importa o deporte como demostra a partida ridícula de 270 mil euros para mantemento das instalacións deportivas que, aínda por riba, queda sen exectuar ano tras ano”
Bloque Nacionalista Galego denuncia que Vigo só contará con dúas piscinas municipais abertas durante o verán. A fronte nacionalista alerta de que nos vindeiros meses a cidade só terá 11 rúas dispoñíbeis para o nado libre e os cursos nas piscinas de Lavadores e Valadares a causa do “desleixo” do Goberno de Abel Caballero coas instalacións deportivas da cidade.
“O BNG trasladamos unha batería de medidas para reverter o abandono e a saturación das piscinas de Vigo, que sofren centos de persoas usuarias na cidade”, salientou o concelleiro nacionalista, Filipe Abalde, quen chamou a aumentar o “ridículo” orzamento de 270 mil euros destinada ao mantemento e mellora das dotacións deportivas. “Faise insuficiente e, ano tras ano, deixa de executarse esta partida malia as carencias en moitas instalacións”, valorou.
Abalde reclamou así coñecer os prazos concretos para a reapertura da piscina de Teis, pechada dende hai máis de dous anos a causa dun incendio, após anunciar o Goberno municipal a licitación para a redacción do proxecto de reforma en agosto de 2023. “Hoxe 9 meses despois nada se sabe da obra”, lamentou, lembrando que o barrio tamén perdeu a piscina da ETEA após ser tapiada en 2017.
O concelleiro do BNG advertiu de que as 1.500 persoas usuarias de Teis levan meses obrigadas a se desprazar a outras instalacións da cidade, provocando a saturación como na piscina de Lavadores, moi por riba das ratios recomendábeis. Por ese motivo, demandou estudar bonificacións nos abonos para compensar estes desprazamentos.
Sobre a piscina de Lavadores, Abalde asegurou que as instalacións están “obsoletas” con pingueiras continuas e vestiarios insuficientes onde “falta o máis mínimo como o papel hixiénico e xabón durante semanas”, e con numerosas queixas pola falla de rúas dispoñíbeis para o nado. Diante desas carencias, propuxo ampliar os horarios das piscinas e convenios con outras instalacións para aumentar a oferta de prazas.
Mesma situación se repite na piscina das Travesas, agravada polo incendio que deixou impracticábel o ximnasio da zona de seco que empregaba o Club Naútico Rías Baixas, e que estará pechada todo xullo e agosto por “motivos técnicos”, segundo o Concello.