A fronte nacionalista chama a poñer fin á “permanente lea partidista” para abrir unha “verdadeira cooperación” entre a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo
Xabier P. Igrexas: “Tanto o PP como o PSOE teñen que deixar de utilizar ás viguesas e vigueses como reféns desa disputa estéril na que sempre perde a cidade”
O Bloque Nacionalista Galego lamenta a falla de acordos na reunión mantida este martes entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a nova delegada territorial da Xunta de Galiza, Ana Ortiz. Dende a fronte nacionalista afean que o encontro se limitase a un “posado fotográfico” e demandan avances concretos en favor da cidade.
“O BNG consideramos fundamental pasar dos xestos aos compromisos, da cortesía institucional a unha verdadeira cooperación entre a Xunta e o Concello de Vigo para atender, dunha vez por todas, as necesidades da maior cidade galega”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen pediu que PP e PSOE paren de “xogar ao canto peor mellor” con Vigo.
Igrexas chamou nese sentido ao Goberno municipal e á Xunta a deixar de utilizar ás viguesas e vigueses como “reféns da súa permanente lea partidista”. Unha disputa “estéril”, a xuízo do voceiro nacionalista, na que ambas forzas políticas “cren gañar algo mais na que sempre acaba perdendo a cidade”.
O portavoz do BNG asegurou que o “máis beneficioso para Vigo non é ter un inimigo exterior ao que culpabilizar de todo, como parece buscar sempre Abel Caballero”. Na mesma liña, censurou que a Xunta poña a confrontación como “coartada” para seguir “desertando das súas responsabilidades e competencias” na principal cidade de Galiza.
Abandono da Xunta
Así, Igrexas comprometeuse a seguir defendendo “con absoluta firmeza e contundencia” os intereses de Vigo fronte ás políticas de “castigo” do Goberno galego nos últimos 14 anos. Un abandono que, asegurou, se traduciu na negativa do PP a incrementar o investimento en Vigo en 400 millóns de euros no último mandato rexeitando todas e cada unha das emendas formuladas polo BNG aos diferentes orzamentos da Xunta.
O voceiro nacionalista considerou que a elaboración das contas para o vindeiro 2024 son unha “oportunidade magnífica” para que o Goberno galego rectifique as súas “políticas nefastas” coa cidade e para demostrar que “a man tendida escenificada na reunión é moito máis que un xesto efémero e oco”. Igrexas lembrou que o pasado 30 de xuño trasladou por carta á nova delegada da Xunta unha lista de 30 cuestións pendentes da Xunta con Vigo.
Entre as demandas, o portavoz do BNG salientou a necesidade de garantir que Navia conte cun novo instituto antes dos próximos dous anos, de recuperar de “verdade “de ETEA, de reverter as políticas privatizadoras e de recortes na sanidade viguesa, de apostar pola vertebración da área co desbloqueo do transporte metropolitano, de promover a reactivación industrial e produtiva e de despregar unha “enérxica” política de vivenda pública, entre outras.